Máis da metade de estadounidenses cren que Trump e Biden son demasiado maiores para competir pola Casa Branca

A enquisa foi efectuada logo da publicación do informe que describe o mandatario dos EUA como un "home veterano con problemas de memoria"
Debate electoral entre Donald Trump e Joe Biden en 2020. (Foto: Liu Jie / Xinhua News / Contacto)
photo_camera Debate electoral entre Donald Trump e Joe Biden en 2020. (Foto: LIU JIE / XINHUA NEWS / CONTACTOPHOTO)

Máis da metade dos estadounidenses consultado nunha sondaxe de ABC News/Ipsos cre que tanto o presidente dos Estados Unidos de América, Joe Biden, como o seu predecesor, Donald Trump, son demasiado maiores como para volver competir pola Casa Branca como xa fixeron en 2020.

Un 59% das persoas enquisadas conclúe que tanto Trump como Biden xa non están capacitados, por idade, para dirixir o país, aínda que no terreo individual e no caso particular de Biden a porcentaxe é claramente maioritaria: un 86% cre que é demasiado maior para volver ser presidente do país, mentres que un 62% cre que Trump non debería desempeñar o cargo.

A enquisa foi efectuada entre o 9 e o 10 de febreiro, despois da publicación do informe do fiscal especial Robert Hur sobre Joe Biden que describía o mandatario como un home veterano con problemas de memoria.

Particularmente notábel é a diferenza rexistrada na sondaxe cando entrevista segundo afinidades de partido. Un 73% de votantes declarados como demócratas cre que Biden, de 81 anos, é demasiado maior pero só 35% de votantes republicanos considera Trump, de 77 anos, como inválido para o cargo.

"Sei que demo estou a facer"

A “miña memoria está ben” e “até se fai referencia a que non lembro cando morreu o meu fillo, como diaños se atreve a cuestionar iso?”, “teño boas intencións e son un home maior e sei que demo estou a facer”, afirmou na madrugada da sexta feira visibelmente enfadado o presidente dos Estados Unidos de América (EUA), Joe Biden.

Pouco antes, o fiscal especial Robert Hur fixera público o seu informe arredor dos documentos confidenciais atopados nunha oficina e na casa particular do mandatario sobre a invasión estadounidense de Afganistán.

Aínda que o documento recomenda non presentar cargos penais contra Biden, cuestiona en distintos puntos a capacidade mental do presidente, multiplicando as dúbidas ao respecto da súa campaña electoral de cara aos comicios de novembro, nos que aspira a ser reelixido para un novo mandato de catro anos.

Comentarios