A OTAN ultima a sucesión de Stoltenberg con Rutte como principal favorito

A organización debería renovar a súa Secretaría Xeral no cumio de xullo

Mark Rutte, primeiro ministro neerlandés. (Foto: Kay Nietfeld / dpa)
photo_camera Mark Rutte, primeiro ministro neerlandés. (Foto: Kay Nietfeld / dpa)

A OTAN enfila o proceso de sucesión do secretario xeral, Jens Stoltenberg, no posto desde hai dez anos, con todos os focos postos no primeiro ministro neerlandés, Mark Rutte (do Partido Popular pola Liberdade e a Democracia), quen a día de hoxe é o único candidato oficial na carreira polo cargo e conta cos apoios maioritarios para suceder o ex primeiro ministro noruegués.

Despois de tres prórrogas do seu mandato, as dúas últimas “obrigadas” pola escaseza de candidaturas e o conflito entre Rusia e Ucraína, Stoltenberg vive os seus últimos meses á fronte da OTAN e agárdase que o cumio de líderes aliados de Washington no mes de xullo sexa o escenario no que se escenifique o relevo.

Non obstante, a idea dos socio da OTAN é lograr o consenso necesario para esta decisión xa na primavera, isto é, uns meses antes do cumio no que a organización celebrará o seu 75 aniversario. O primeiro ministro neerlandés xa tería atado o respaldo dos Estados Unidos de América, Reino Unido e os principais aliados europeos, se ben o “si” aínda non é unánime, caso de Hungría e Turquía, que aínda non se pronunciaron ao respecto.

Perfil “forte en disuasión e defensa”

A OTAN persegue para a súa Secretaría Xeral un perfil “forte en disuasión e defensa”, que “apoie Ucraína e sexa realista con Rusia”. Ademais, tamén se ten en conta a contribución en Defensa e, aínda que os Países Baixos empregaran 1,65% do PIB en gasto militar (por baixo do limiar do 2% marcado pola organización), este “déficit” compensaríase por ser un Estado cunha “importante tradición atlantista” que dirixiu a OTAN en tres ocasións.

De feito, o secretario xeral que máis tempo ocupou o cargo é o político neerlandés Joseph Luns, que dirixiu a OTAN durante toda a década dos 70 e até mediados dos 80. Dirk Stikker, entre 1961 e 1963, e máis recentemente, Jaap de Hoop Scheffer, de 2004 a 2009, son os outros neerlandeses que estiveron á fronte da alianza militar.

 

Comentarios