O Tribunal Superior de Inglaterra aproba a extradición de Julian Assange aos Estados Unidos

Revés para Assange da Xustiza británica, que avala a reclamación estadounidense de que sexa xulgado naquel país. A decisión é moi criticada polas implicacións que ten para a liberdade de información.
Julian Assange
photo_camera Julian Assange

Esta sexta feira decorreu o Día dos dereitos humanos, data na que o xuíz do Tribunal Superior de Inglaterra e Gales, Ian Burnett, fixo pública a decisión de autorizar que Julian Assange, fundador de Wikileaks, sexa extraditado aos Estados Unidos (EUA), que o acusa de espionaxe e piratería informática e pretende condenalo a até 175 anos de prisión.

Esta resolución chega despois de que os EUA presentaran un recurso en contra da decisión da xuíza de distrito Vanessa Baraitser, que en xaneiro deste ano rexeitara aceptar a extradición por “opresiva” para a súa saúde mental, o que xera un alto risco de suicidio.

Neste sentido, Burnett salienta que coas promesas do Goberno que encabeza Joe Biden “queda excluído [o suicidio] polo paquete de garantías presentado pola parte estadounidense”, apunta.

Este bloque de compromisos -que a defensa de Assange pon en dúbida que se leven á práctica- inclúe que non será sometido a “medidas administrativas especiais” (que permiten o illamento ou a incomunicación) ou levado a ADX Florence (unha prisión de máxima seguridade dos EUA cun réxime especialmente restritivo), que recibirá atención psicolóxica e de ser condenado cumprirá a pena no seu país de orixe, Australia.

O equipo legal dos EUA insistiu en que “non é tan fráxil como para non soportar o sistema e as condicións das prisións do país”.

No fallo permítese impugnar o veredicto diante dun xulgado de distrito, mais sinalando que após este tomar unha decisión o caso ten que ser remitido á Secretaría de Estado, que tomará a decisión final sobre a extradición de Assange aos EUA, explica The Guardian. Porén, a defensa xa comunicou a súa intención de apelar. Assange "agarda continuar a súa loita en contra da extradición", sinala The Times.

“Grave erro xudicial”

A prometida do fundador de Wikileaks, Stella Moris, cualificou de “abusivo” e “vingativo” o “grave erro xudicial”. “Como pode ser xusto que extraditen a Julian a un país que conspirou para asasinalo?”, subliñou.

A entidade internacional que defende a transparencia na información lembrou nas súas redes sociais que o caso contra Assange trata sobre a publicación de documentos referentes a conflitos como a guerra de Iraq que demostran a responsabilidade dos estadounidenses na morte de civís, “entre eles crianzas e dous xornalistas de Reuters”.

O material desas filtracións proveullo a soldado Chelsea Manning, que estivo en prisión até 2017, cando a súa condena foi conmutada polo ex presidente dos EUA, Barack Obama.

Ataque contra o xornalismo

Christophe Deloire, director de Reporteiros Sen Fronteiras, salientou que Assange é un obxectivo pola “súa contribución ao xornalismo”. “Defendemos este caso polas súas perigosas implicacións para o futuro da liberdade de expresión”, incidiu, ironizando coa entrega do Nobel da Paz a dous xornalistas o mesmo día da sentenza.

Pola súa banda, Nils Muiznieks, director en Europa de Amnistía Internacional, alertou de que se é extraditado “podería enfrontar [nos Estados Unidos] graves violacións dos dereitos humanos, malos tratos e incluso a tortura”, unha das prácticas das Forzas Armadas norteamericanas confirmadas polas filtracións de Wikileaks.

Persecución dos EUA

A filtración masiva en 2010 de 400.000 reportes internos dos EUA da guerra de Iraq, 90.000 da de Afganistán, 800 da prisión de Guantánamo e 250.000 cables diplomáticos, deu comezo a unha campaña para levar a Assange o cárcere.

O primeiro intento chegou ese mesmo ano por parte da Fiscalía sueca, que reclamou a extradición de Assange por cargos de violación que co tempo se revelaron falsos e acabaron sendo arquivados en 2019.

Para evitar o que se considerou un intento de extradición encuberto aos EUA, Assange estivo asilado desde 2012 na embaixada de Ecuador en Londres (Reino Unido), onde foi detido en 2019 despois de que lle fora retirada a nacionalidade ecuatoriana e o asilo por parte do Goberno de Lenín Moreno tras unha negociación cos estadounidenses.
 

Comentarios