Empresarios españois custearon a creación de Hazte Oír e Vox

A última filtración de Wikileaks estuda os documentos internos de Hazte Oír, plataforma ultra católica de extrema dereita desde a que naceu Vox. Entre os nomes das persoas que financiaron a entidade destacan os de empresarias e empresarios españois, que impulsaron as campañas do odio.

Ignacio Arsuaga, fundador e presidente de Hazte Oír. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Ignacio Arsuaga, fundador e presidente de Hazte Oír. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

David Álvarez, propietario do grupo Eulen; Esther Koplowitz, xa presidenta naquela altura de Fomento de Construcións e Contratas (FCC); o ex presidente do Corte Inglés, Isidoro Álvarez; ou o ex ministro de Facenda no final do franquismo e presidente da construtora OHL, Juan Miguel Villar-Mir, doaron nalgúns casos até 20.000 euros para financiar actividades da plataforma de extrema dereita Hazte Oír, desde a que se xestou o partido político de Vox.

Esta información forma parte dos 17.000 documentos filtrados pola organización internacional Wikileaks -despois do parón pola detención e illamento nunha prisión de Londres (Reino Unido) do seu fundador, Julian Assange- en colaboración co medio alemán Taz, o italiano Il Fatto Quotidiano, o mexicano Contralínea e o estatal Público.

En 2012, Hazte Oír, organización fundada once anos antes por Ignacio Arsuaga Rato, amigo de Santiago Abascal, líder de Vox, e familiar de Rodrigo Rato, organizou o evento que os impulsou entre a extrema dereita europea e mundial: o Congreso Mundial de Familias.

Esta reunión anual das asociacións ultra católicas do mundo está organizada pola entidade estadounidense The Howard Center for Family, e ademais do Estado español, pasou por distintos lugares como Hungría en 2017, coa presenza do primeiro ministro Viktor Orban, ou Italia, onde contou coa intervención do daquela vicepresidente, Matteo Salvini.

18 millóns para o odio

Desde 2008, a plataforma gastou máis de 18 millóns de euros en campañas como o denominado “autobús do odio”, o acoso a clínicas onde se practican abortos ou a casa de Pablo Iglesias e Irene Montero, dirixentes de Unidas Podemos, en contra do que denominan “axenda radical Lgtbi”.

Para financiar estas campañas servíronse de doazóns de cidadáns entre os que destacan altos executivos como Bernard Meunier, vicepresidente executivo de Nestlé S.A.; Ignacio Esquer de Oñate, de Fertiberia; ou Javier Javaloyes, de Reacciona.

O PP deu ás á plataforma antes de que se lanzara a promover a Vox

A partir de 2013 multiplícanse os ingresos da plataforma de extrema dereita Hazte Oír, cando o ministro de Interior de Mariano Raxoi (PP), Jorge Fernández Díaz, lle concedeu o título de "asociación de utilidade pública", cuxos beneficios fiscais lle permitiron recadar en 8 anos 17 millóns de euros.

Porén, ese ano apareceu Vox en escena, presentándose cunha rolda de prensa desde a canle dixital de Hazte Oír, desvela un estudo da fundación Rosa Luxembourg, que explica como o seu presidente, Ignacio Arsuaga, chegou a recoñecer reunións coa cúpula de Vox para debater estratexias comúns.

Tamén está rexistrada a entrada constante en Vox desde o seu nacemento de membros da plataforma de extrema dereita e as súas entidades vencelladas.

Comentarios