Zelenski visita a cidade de Khersón despois do repregamento de Rusia

Moscova pide condicións aceptábeis para negociar tras as presións estadounidenses para que Kíiv ofreza requisitos realistas para reactivar as conversas de paz. Asemade, Zelenski viaxou á cidade de Khersón poucos días despois da retirada das tropas rusas.
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, a segunda feira en Khersón. (Foto: Presidencia de Ucraína)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, a segunda feira en Khersón. (Foto: Presidencia de Ucraína)

“Estamos avanzando, estamos preparados para a paz, a paz en todo o país”, destacou a segunda feira o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, desde a cidade de Khersón, capital do oblast do mesmo nome, nunha visita na que agradeceu á Organización do Tratado do Atlántico Norte o seu apoio militar.

A zona, controlada polas tropas de Ucraína tras a finalización da retirada a sexta feira dos militares rusos do oeste do río Dniéper, mantense nunha situación “aínda moi perigosa”, afirmou, acusando Rusia de colocar minas anti persoa antes de deixar a zona.

Tamén informou de que documentaron máis de 400 supostos crimes de guerra, así como que está en marcha “a detención de soldados e mercenarios rusos que foron deixados atrás no territorio, e a neutralización de sabotadores”.

A ese respecto, AP reportou que varias persoas culpadas de ser pro rusas foron atadas a postes na urbe, un día despois de que o Ministerio de Defensa ucraíno suspendera os permisos de traballo de xornais locais por “levar a cabo actividades profesionais antes do final das medidas de estabilización”. Mentres, as autoridades de Kíiv urxen os civís que permanecen na zona a evacuar a localidade “perante a ameaza de ataques rusos”.

4.500 km2

O voceiro do Kremlin, Dimitri Peskov, negouse a comentar a visita de Zelenski e ratificou que “xa saben que [Khersón] é parte do territorio de Rusia”. Moscova fixou Genichesk como capital temporal da rexión após repregarse dun territorio de 4.500 quilómetros cadrados. Ademais, un convoi liderado pola Organización das Nacións Unidas (ONU) entregou axuda humanitaria a arredor de 6.000 persoas na capital do oblast.

Ao tempo, The Wall Street Journal sostén que os Estados Unidos están a premer Ucraína para que fixe condicións realistas para o comezo das negociacións con Moscova antes da chegada do inverno e do aumento do impacto xerado pola alza dos prezos da enerxía e dos alimentos.

Alexander Grushko, viceministro de Exteriores ruso, ratificou que “as condicións son inaceptábeis”, e fixo fincapé en que “estamos preparados para negociar, pero as negociacións deben ter en conta a situación sobre o terreo, en referencia á demanda de Kíiv de que Moscova abandone Crimea, e mailo Donbás e as rexións de Khersón e Zaporijia, incorporadas a Rusia a finais de setembro tras uns referendos non recoñecidos pola ONU.

O Alto representante da Unión Europea para Política Exterior, Josep Borrell, asegurou esta cuarta feira que Ucraína será a que “decida que facer” coas negociacións.

Comentarios