Final do Nord Stream 2, Rusia duplica o gas en dirección á UE

Cando antes de finalizar o ano o gasoduto Nord Stream 2 estea operativo, Rusia poderá duplicar os 55.000 millóns de metros cúbicos de gas anuais que envía ao resto de Europa, ofrecendo unha alternativa máis sostíbel que o gas licuado dos EUA.
Última peza do gasoduto cos traballadores celebrando. (Foto: Nord Stream 2 / DPA)
photo_camera Última peza do gasoduto cos traballadores celebrando. (Foto: Nord Stream 2 / DPA)

Ás 6.45 da mañá desta sexta feira, a construción do gasoduto Nord Stream 2 quedara completamente rematada, anunciou Rusia, co cal “antes de final de ano”, detallou Maria Zajarova, voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores, o gas licuado estaría percorrendo os 1.230 quilómetros que unen o país con Alemaña.

A infraestrutura -“unha das maiores construcións enerxéticas do mundo”, gabouse Zajarova- permitirá enviar ao resto de Europa 55.000 millóns de metros cúbicos de gas máis, duplicando a capacidade actual do gasoduto orixinal, o Nord Stream 1, á beira do que se construíu o Nord Stream 2.

O final da obra chega despois dun investimento de arredor de 10.000 millóns de euros, cofinanciado pola rusa Gazprom e cinco empresas do sector: Uniper (Alemaña), BASF (Alemaña), Shell (Inglaterra - Países Baixos), OMV (Austria) e Engie (Francia)

Desde o primeiro momento, os Estados Unidos (EUA) fixeron pública a súa oposición ao proxecto, mantendo que a dependencia rusa poñía en risco a seguridade enerxética da Unión Europea (UE) e debilitaría Ucraína, que recibe máis de 1.200 millóns de euros ao ano polo tránsito do gas ruso, indica France24.

Aliás, apuntaron que os 110.000 millóns de metros cúbicos de gas que poderían enviar anualmente a Alemaña, dotaría a Federación Rusa dunha arma xeopolítica.

En 2019, durante o goberno de Donald Trump nos EUA, foi aprobada unha norma que impoñía sancións ás empresas que forman parte da iniciativa. Porén, nin el nin Joe Biden, novo presidente, quixeron aceptar as sancións para o Goberno alemán de Angela Merkel, que apoia o proxecto e considera que é unha parte imprescindíbel da súa transición enerxética.

Dependencia

“Eu creo que todo son vantaxes”, asegurou esta sexta feira o economista Santiago Niño Becerra, catedrático de Estrutura Económica da Universidade Ramon Llull de Barcelona, a medios internacionais.

O economista desacredita os argumentos dos EUA e salienta que a UE “sempre vai depender do gas doutros”, polo simple motivo de que na rexión non hai. A principal causa da animadversión estadounidense á obra é que “os EUA venden gas e pretenden que a UE o merque”.

Asemade, Niño Becerra destaca que o impacto ecolóxico con respecto ao gas licuado procedente do outro lado do océano Atlántico é “entre 3 e 5 veces menos”.

Comentarios