Sabotaxe no Nord Stream? Suecia acha "trazas de explosivos"

"As análises realizadas mostran trazas de explosivos en varios dos obxectos non autóctonos achados", sinalan as autoridades suecas.
Fuga de gas no mar Báltico por mor das explosións rexistradas no 'Nord Stream' (Foto: Forzas Armadas de Dinamarca).
photo_camera Fuga de gas no mar Báltico por mor das explosións rexistradas no 'Nord Stream'. (Foto: Forzas Armadas de Dinamarca)

As autoridades suecas veñen de informar do achado de "trazas de explosivos" na contorna do gasoduto Nord Stream na que a finais de setembro se rexistraron unha serie de explosións e fugas de gas de forma simultánea, no territorio marítimo entre Suecia e Dinamarca.

"As análises realizadas mostran trazas de explosivos en varios dos obxectos non autóctonos achados", precisou á primeira hora desta sexta feira, a través dun comunicado remitido pola súa oficina, o fiscal sueco que investiga o incidente, Mats Ljungqvist, que aclarou que as investigacións "para alcanzar conclusións máis determinantes" aínda proseguen.

"A cooperación coas autoridades de Suecia e outros países funcionou de forma excelente. De cara aos seguintes traballos no marco da investigación preliminar e as colaboracións en marcha é importante que poidamos traballar con paz e tranquilidade", engadiu a oficina do fiscal, que tamén falou dunha "flagrante sabotaxe".

Suecia xa afirmara o pasado 6 de outubro, a raíz das primeiras pesquisas, que os danos foran causados por "explosións" e que, en consecuencia, iso "reforza as sospeitas sobre unha grave sabotaxe".

Cruzamento de acusacións

Ás poucas horas de coñecerse o acontecido, a compañía operadora dos gasodutos, Nord Stream AG, apuntou tamén que se trataba dunha situación "sen precedentes" pola simultaneidade dos feitos. "Esta noite, o controlador do sitio en terra Nord Stream 2 rexistrou unha forte caída de presión na liña A. Os servizos costeiros de Alemaña, Dinamarca, Suecia, Finlandia e Rusia foron notificados de inmediato. Está a levarse a cabo unha investigación", aseguraran desde Nord Stream.

Desde o momento no que se detectaron as fugas no mar Báltico, varios países e Rusia cruzaron continuas acusacións sobre a responsabilidade das mesmas. Gobernos como o estadounidense e o polaco, entre outros, acusaron Moscova de ter sabotado o Nord Stream para non ter que subministrar gas natural a países da Unión Europea (UE).

O Kremlin respondeu, a través do portavoz da Presidencia rusa, Dmitri Peskov, a estas acusacións, cualificándoas de "previsibelmente estúpidas". Peskov alegou que "este é un gran problema para nós".

Ademais, o portavoz do Kremlin tamén quixo tratar unha posíbel implicación dos Estados Unidos de América no asunto, manifestando que “hai moitas preguntas sobre o que pasou”. “Estamos a ver os enormes beneficios dos provedores de gas natural licuado dos Estados Unidos, que multiplicaron as súas entregas ao continente europeo”, engadiu.

Comentarios