Estas son as chaves da nova estratexia aprobada pola OTAN

Os países aliados debateron e acordaron a nova estratexia a seguir pola organización atlantista en materia de seguridade internacional.
O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg. (Foto: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg. (Foto: Europa Press)
  1. Rusia, ameaza "máis directa e significativa"
  2. O "desafío" de China
  3. Relación Moscova-Pekín
  4. Importancia das armas nucleares
  5. Política de portas abertas

A primeira xornada da cimeira da OTAN que decorre en Madrid esta cuarta feira deixou como principal noticia a redacción e aprobación dun novo Concepto Estratéxico da organización atlantista, que vén a substituír o aprobado hai xa 12 anos na cimeira de Lisboa. Este documento recolle a estratexia que desenvolverá a OTAN nos vindeiros anos, e que vai desde as relacións entre os países que forman parte da Alianza até as relacións con actores externos como Rusia e China.

Rusia, ameaza "máis directa e significativa"

Se no Concepto Estratéxico aprobado en Lisboa en 2010, a OTAN resaltaba a "importancia" da cooperación con Rusia, ao considerala unha cuestión que contribuía a "crear un espazo común de paz, estabilidade e seguridade", a nova estratexia aprobada esta cuarta feira dá un xiro de 180 graos a esa política de colaboración.

Para a organización atlantista, Rusia converteuse na ameaza "máis directa e significativa" para a "seguridade, a paz e a estabilidade euroatlántica". Os aliados acusan Moscova de "tratar de desestabilizar países ao leste e ao sur" da OTAN, e aseguran que . "A súa postura militar e a súa retórica socavan a orde internacional".

"No norte, a súa capacidade para quebrantar a liberdade de navegación dos aliados no Atlántico supón un desafío estratéxico para a Alianza. O aumento militar de Rusia na zona, incluído o mar Báltico, o mar Negro e a rexión do Mediterráneo, así como a súa integración con Bielorrusia, pon en risco a nosa seguridade e os nosos intereses", sostén.

O "desafío" de China

Esta nova estratexia fai fincapé no papel de China como un "desafío" para o organismo militar. A OTAN afirma que ambicións políticas en materia internacional do Goberno chinés "desafían os nosos intereses, seguridade e valores".

O documento afirma que "as operacións maliciosas híbridas e cibernéticas da República Popular Chinesa e a súa retórica confrontacional e de desinformación teñen como branco aos aliados e danan a seguridade da Alianza". Para a OTAN, o xigante asiático "busca controlar sectores chave tecnolóxicos e industriais, infraestrutura crítica e materiais estratéxicos e cadeas de subministración".

En resposta a este documento, o portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores de China, Zhao Lijian, exixiu ao organismo militar que non recupere a mentalidade da Guerra Fría e deixe de intentar desestabilizar Asia e outras rexións do mundo

Relación Moscova-Pekín

Ademais de analizar ambos países por separado, a OTAN abordou tamén a cooperación entre Pequín e Moscova da que tamén asegurou que "vai en contra dos nosos valores e intereses". A pesar disto, a organización atlantista afirmou deixar a porta aberta a manter unha colaboración "construtiva" con Rusia e China.

Importancia das armas nucleares

Neste novo Concepto Estratéxico, a OTAN destaca tamén a importancia das armas nucleares para a seguridade dos países aliados. "As forzas nucleares estratéxicas da Alianza, particularmente as de Estados Unidos, son a garantía suprema da seguridade da Alianza", recolle o documento.

Neste sentido, o organismo militar destacou a achega dos países aliados de aeronaves con capacidade de transporte, xa que "seguen sendo centrais" para a "misión da disuasión nuclear da OTAN ".

O documento destaca "a estabilidade estratéxica" que se logra a través de disuasión e defensa efectiva, o control de armas e desarmamento, así como o diálogo político. Para a OTAN, estes factores aínda son "esenciais para a nosa seguridade".

Política de portas abertas

Após a reunión a tres bandas desta terza feira entre Turquía, Suecia e Finlandia, na que Recep Tayyip Erdogan levantou o veto á adhesión á OTAN dos dous países nórdicos, a OTAN convidounos formalmente a entrar no bloque militar. 

Neste sentido, a estratexia da organización atlantista segue a pasar por unha política de portas abertas na que "as decisións sobre a adhesión tómanse polos aliados da OTAN e ningún terceiro ten voz neste proceso".

Comentarios