O Sudán sofre unha crise humanitaria masiva ao facerse o primeiro aniversario da guerra civil

8,5 millóns de persoas tiveron que fuxir dos seus fogares
Área do gran mercado de Omdurman, afectado polos combates. (Foto: Mohamed Khidir/ Europa Press / Contacto)
photo_camera Área do gran mercado de Omdurman, afectado polos combates. (Foto: Mohamed Khidir/ Europa Press / Contacto)

Esta segunda feira faise un ano desde que descarrilou definitivamente no Sudán a transición cara a un Goberno civil que se iniciou tras a caída do presidente Omar al Bashir en 2019, e que xa se vira afectada polo golpe de Estado en 2021 protagonizado polas Forzas Armadas e os paramilitares das Forzas de Apoio Rápido, que derivou o 15 de abril de 2023 nun enfrontamento entre estes dous actores, dando comezo á terceira guerra civil no Sudán.

O conflito provocou que 8,5 millóns de persoas fuxiran das súas casas pola violencia, 1,8 millóns a países veciños e o resto no interior do territorio sudanés.

Arredor de 18 millóns de persoas afrontan niveis agudos de fame, constatou o Programa Mundial de Alimentos, que fixo énfase en que a situación podería desembocar na “maior crise de fame do mundo”.

Catástrofe xeracional

Nese sentido, o Fondo da Organización das Nacións Unidas (ONU) para a Infancia, Unicef, comunicou que case a metade son crianzas, apuntando que o Sudán “arríscase a unha catástrofe xeracional que terá graves consecuencias para o país, a rexión e máis alá”.

No plano militar, non se entrevé que ningún dos contendentes se poida impor de forma definitiva a curto prazo, pois após uns meses nos que os paramilitares lograron avanzar até Omdurman, a cidade máis grande do país e próxima a Khartún, a capital, o Exército foi quen de recuperar o control da meirande parte da urbe.

Violencia sexual

A Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos detallou que a guerra se está a caracterizar por “ataques indiscriminados en zonas densamente poboadas, ataques por motivos étnicos e unha elevada incidencia da violencia sexual”, cifrando en “milleiros” o número de civís asasinados.

Comentarios