Golpe de Estado no Sudán: reaccións da comunidade internacional e datas chave

Despois de tres décadas á fronte do país, a presión popular nas rúas, especialmente das mulleres, conseguiu a saída do Goberno de Omar Al Bashir en 2019. Tras dous anos de transición, cun poder compartido entre militares e civís, o Exército resístese a ocupar a posición que lle corresponde nun Estado democrático.
EuropaPress_4032854_panoramica_jartum_golpe_estado_contra_primer_ministro_sudanes_abdala_hamdok
photo_camera Panorámica de Khartún durante a protestas contra o golpe de Estado, con fume pola queima de pneumáticos (Foto: Xinhua News)

O presidente do Consello Soberano de Transición do Sudán, Abdel Fattah Al Burhan, anunciou a disolución deste organismo mixto (militares e civís) e do Goberno de transición, ratificando o golpe de Estado iniciado á primeira hora desta segunda feira coa detención do primeiro ministro, Abdalla Hamdok, e varios ministros.

O xeneral Al Burhan anunciou a suspensión de varios artigos do Documento Constitucional pactado en agosto de 2019 entre civís e militares. Meses antes, o 11 de abril dese ano, o entón presidente, Omar Al Bashir, víase forzado a presentar a renuncia ante a presión do Exército e, especialmente, das intensas manifestacións populares.

A internet foi cortada e os militares bloquearon vías de comunicación e pontes, segundo a páxina de Facebook do ministerio de Información sudanés. Miles de persoas saíron ás rúas ante as chamadas dos principais partidos democráticos. O Partido Comunista chamou á folga xeral dos traballadores e acusou a Al Burhan de orquestrar o alzamento militar. Polo menos tres persoas morreron e 80 resultaron feridas por disparos dos militares. 

En setembro pasado produciuse outra tentativa de golpe de Estado, co islamismo máis conservador avogando por un Goberno militar no canto da transferencia do poder ao movemento civil que logrou derrocar a Al Bashir. A asonada de onte prodúcese a poucas semanas da entrega da Presidencia do Consello aos civís. 

Líderes mundiais e ONG polos dereitos civís condenaron a detención dos membros do Goberno sudanés.

Unión Africana

A través dun breve comunicado publicado en Twitter, o presidente do secretariado da UA, Moussa Faki Mahamat, pediu "retomar inmediatamente as consultas entre civís e militares", e exixiu a "liberación de todos os líderes políticos detidos".

Nacións Unidas

O representante especial da Secretaría Xeral da ONU para Sudán, Volker Perthes, cualificou as detencións de "inaceptábeis". Nunha mensaxe en Twitter, urxiu todas as partes implicadas á "contención", a "regresar ao diálogo" e a "restaurar a orde constitucional" no país.

Liga Árabe

"Non hai problema que non poida ser resolto a través do diálogo", declarou o secretario xeral da Liga Árabe, Ahmed Abul Gheit, nun comunicado publicado na web do organismo, avogando por "respectar todas as decisións e acordos asinados sobre o período de transición, que levará á celebración de eleccións nas datas elixidas".

Organización para a Cooperación Islámica

O organismo multilateral con sede en Arabia Saudí tamén urxiu os líderes sudaneses a "respectar o documento constitucional e o acordado durante o período de transición", segundo un comunicado recollido pola axencia saudita SPA

Unión Europea

O alto representante comunitario para a Política Exterior, Josep Borrell, tamén se expresou en Twitter. "A UE fai un chamamento a todos os actores e aliados rexionais para volver encarreirar o proceso de transición", manifestou.

Alemaña e Francia

O ministro de Exteriores alemán, Heiko Maas, exixiu nun comunicado "continuar coa transición á democracia e respectar a vontade do pobo". O presidente francés, Emmanuel Macron, condenou en Twitter "a tentativa de golpe de Estado" e manifestou o apoio de Francia ao Goberno de transición.

Estados Unidos

O enviado especial estadounidense para o Corno de África, Jeffrey Feltman ─que na fin de semana estivo na capital sudanesa, Khartún, para mediar─ considerou o golpe "totalmente inaceptábel" e asegurou que "calquera mudanza pola forza no Goberno de transición pon en risco a axuda dos EUA".

China

O portavoz do Ministerio de Exteriores chinés, Wang Wenbin, avogou polo "diálogo" para que as partes "resolvan as diferenzas" e para "manter a paz e a estabilidade no país". Ademais, asegurou que se garantirá a seguridade das institucións chinesas e do seu persoal no Sudán.

Consello Noruegués para os Refuxiados

A ONG exixiu a protección da poboación civil e que se manteña o acceso á axuda humanitaria dos millóns de persoas que fuxiron da guerra. Nun comunicado, e posteriormente nunha entrevista na BBC, o seu director no Sudán, Will Carter, pediu ás autoridades que cumpran coas promesas previas e aseguren que esa axuda da que depende 13 millóns de persoas non será bloqueada. 

Amnistía Internacional

"O pobo sudanés está de volta nas rúas para protexer a transición democrática. Estará o mundo ao seu carón?", cuestionábase en Twitter a secretaria xeral de Amnistía Internacional, que nunha entrada previa salientaba ─sen desenvolver─ a circunstancia de que o golpe chegaba xusto tras a visita de Feltman. 

Datas no camiño do Sudán á democracia

2018, decembro: Represión mortal das protestas contra a pobreza e a corrupción.

2019, 11 abril: Al Bashir abandona o poder tras 30 anos e o Exército impón tres meses de estado de emerxencia. 

2019, xuño: Intervención militar ante os acampados que piden un Goberno civil.

2019, agosto: Acordo militar-civil para compartir o poder tras a intervención da UA. Eleccións para 2023.

2019, decembro: Al Bashir, condenado por corrupción. Rexéitase a extradición á Haia polo xenocidio en Darfur.

2020, primavera: A crise agrávase pola Covid. Intento de asasinato de Hamdok.

2020, outubro: Acordo de paz interna. EUA retira da lista de "países terroristas" o Sudán, que accede a iniciar relacións con Israel. 

2021, febreiro: Fractura interna no movemento civil. 

2021, setembro-outubro: Golpe frustrado. Marchas pro e contra un Goberno militar.

Comentarios