Sospeitas de fraude nas eleccións en Honduras

A candidata do Partido Libre, que conta co apoio da Fronte Nacional de Resistencia Popular, non recoñece os resultados oficiais e chama a defender a vitoria que di ter colleitado nos comicios. Após o golpe de Estado patrocinado polos EUA contra o seu compañeiro e ex-presidente, Manuel Zelaya, Xiomara Castro amosouse disposta a "defender o triunfo en calquera trincheira".

xiomara
photo_camera Xiomara Castro [Imaxe: Prensa Latina]


Xiomara Castro, candidata polo Partido Libre e a Fronte Nacional de Resistencia Popular á presidencia de Honduras, non recoñece os resultados oficiais anunciados polo Tribunal Supremo Eleitoral, que da a vitoria ao conservador Juan Orlando Hernández. 

"Son a primeira presidenta", proclamou Castro após coñecer o primeiro balanzo a pé de urna. Denunciou a "fraude" nos comicios coa "manipulación dos resultados" e chamou a defender a súa vitoria "en todas as trincheiras" porque foi un triunfo que comezou a se xestar o 28 de xuño de 2009, o día en que un golpe militar patrocinado polos EUA lle quitou a presidencia ao seu compañeiro, Manuel Zelaya, e @s hondureñ@s protagonizaron "a resistencia popular nas rúas".

Con todo, cando o contaxe de votos está polo 60%, tamén Hernández, candidato oficialista que se presentou ás eleccións polo Partido Liberal, se declarou gañador: "o pobo hondureño falou e a voz do pobo é a voz de Deus", dixo. A participación nos comicios foi masiva.

Primeiras eleccións após o golpe de estado

As eleccións desta fin de semana en Honduras tiveron especial transcendencia por dous motivos. Dunha banda, foron as primeiras após o golpe militar que en 2009 botou da presidencia a Manuel Zelaya. Da outra, foron as primeiras en que un novo partido político, o Libre --Liberdade e Refundación-- rachaba co tradicional bipartidismo Partido Liberal-Partido Nacional. Con Xiomara Castro como candidata, varreu nas enquisas e partía con moitas posibilidades de vitoria. 

Poderíase dicir que Libre naceu ao día seguinte daquel golpe de estado, pois foi aí onde se creou a Fronte Nacional de Resistencia Popular. O compañeiro de Xiomara Castro, o propio Zelaya --que fora eleito polo Partido Liberal-- propuxo a creación dun movemento que impulsou a candidatura do Partido Libre co obxectivo de "romper o bipartidismo e estabelecer o estado popular".

Comentarios