Turquía e Irán bombardean as forzas kurdas en Siria e Iraq

Ancara avanza o comezo dunha ofensiva terrestre no norte de Siria e o Iraq, tras múltiples bombardeos nos dous países, ao que hai que engadir os ataques de Irán contra o Kurdistán iraquí.
Erdogan na cimeira do G20. (Foto: Kay Nietfeld / dpa)
photo_camera Erdogan na cimeira do G20. (Foto: Kay Nietfeld / dpa)

Tras anunciar o sábado o comezo dunha operación militar aérea contra as forzas kurdas no norte de Siria e Irak, o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, sostivo a segunda feira que xa están a programar o comezo dun ataque terrestre.

Esta campaña forma parte do que Ancara considera unha resposta ao atentado con bomba en Istambul do pasado 13 de novembro, que causou seis óbitos, do que acusa o Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) e mailas Unidades de Protección Popular (YPG), a principal organización do territorio kurdo en Siria. Ambas as dúas formacións negaron ter participado no atentado e abriron a porta a un ataque de falsa bandeira para xustificar o operativo militar que Turquía puxo en marcha.

Erdogan xustificou a operación polo que considerou incumprimentos rusos do acordo de Sochi (Rusia) en 2019, que responsabilizaba Moscova polo control do “terrorismo no norte do Iraq e Siria”. Á vez, cuestionou Washington por enviar armamento a Siria a zonas que considerou baixo o control de grupos terroristas, pondo en risco a un país membro da Organización do Tratado do Atlántico Norte, insistiu.

Entrementres, o conflito recrúase, cando menos tres persoas faleceron esta segunda feira na localidade turca de Karkamis polo lanzamento de mísiles desde Siria, que Turquía atribúe ás YPG, un día despois da morte dun soldado turco na fronteira. Pola contra, os bombardeos turcos que comezaron o domingo provocaron a morte de 61 persoas, once delas civís, informaron as YPG, que indicaron que foi destruído un hospital, unha planta de enerxía e cultivos de gran.

Irán ataca o Iraq

A axencia INA confirmou segunda feira que ao longo do domingo os militares iranianos bombardearon “partidos kurdos iranianos” no Iraq. O Ministerio de Saúde da rexión autónoma do Kurdistán comunicou que unha persoa faleceu por mor dos ataques, que tamén provocaron varios feridos.

Os bombardeos foron corroborados polo Partido Democrático do Kurdistán de Irán e pola formación política Komala. O pasado 14 de novembro Irán lanzou unha vaga de ataques semellantes que mataron unha persoa.

Os ataques iranianos intensificáronse polas protestas que percorren o país desde a morte de Mahsa Amini o 16 de setembro baixo custodia policial, após ser detida por non levar o velo conforme á lei iraniana. Teherán responsabiliza estas formacións do impacto das mobilizacións, que teñen especial forza no Kurdistán e que xa deixaron máis de 300 mortes, segundo Iran Human Rights.

Comentarios