Turquía acorda con Suecia e Finlandia levantar o veto a súa adhesión á OTAN

Os tres países asinaron un Memorando de Entendemento.
O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg (no centro) mantivo a comezos de abril un encontro en Bruxelas cos ministros de Exteriores de Finlandia, Pekka Haavisto (esquerda), e Suecia, Ann Linde (dereita). (Foto: OTAN)
photo_camera O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg (no centro) mantivo a comezos de abril un encontro en Bruxelas cos ministros de Exteriores de Finlandia, Pekka Haavisto (esquerda), e Suecia, Ann Linde (dereita). (Foto: OTAN)

O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, o seu homólogo finés, Saulio Niinisto, e a primeira ministra de Suecia, Magdalena Andersson, asinaron esta terza feira un acordo a tres bandas para que o país euroasiático levante o veto á adhesión de Helsinki e Estocolmo á OTAN.

Así o acordaron nunha reunión en Madrid na que tamén participou o secretario xeral da Alianza Atlántica, Jens Stoltenberg, previa á cimeira da OTAN que decorrerá esta cuarta e quinta feira no Estado español.

Coa sinatura do Memorando de Entendemento, Erdogan "confirma o apoio de Turquía para invitar a Finlandia e Suecia a unirse á OTAN na cimeira de Madrid desta semana". Esa adhesión non decorrerá de forma inmediata, mais nos vindeiros días está previsto que se leven a cabo os pasos concretos e necesarios para completala.

"O noso Memorando de Entendemento remarca que Finlandia, Suecia e Turquía comprométense a brindarse pleno apoio mutuo contra as ameazas a seguridade dos demais. A medida que nos convertamos en aliados da OTAN, este compromiso fortalecerase aínda máis" apuntou o Goberno finés.

Cambio de postura

Até o de agora, Turquía bloqueara calquera posibilidade de adhesión de Finlandia e Suecia á OTAN polo suposto apoio de ambos países ao Partido dos Traballadores de Kurdistan (PKK) e ás Unidades de Protección Popular (YPG).

O propio Erdogan asegurara antes do comezo da xuntanza entre os tres países que o feito de participar na mesma non quería dicir que cambiase a súa postura con respecto á entrada destes na organización atlantista.

Porén, semella que con esta sinatura, Turquía desiste finalmente do seu bloqueo a Finlandia e Suecia, após un mes desde que presentasen de maneira oficial as súas solicitudes de entrada á OTAN.

Neste sentido, o presidente de Finlandia asegurou sentir ledicia porque "se complete esta etapa na viaxe de Finlandia cara á adhesión na OTAN". "Agardo con ansias frutíferos debates sobre o papel de Finlandia na OTAN cos nosos futuros aliados aquí, en Madrid", concluíu.

Comentarios