A ONU exixe investigar o ataque turco a unha zona hoteleira no Kurdistán iraquí

Bagdad leva a denuncia do caso ás instancias internacionais.
Concorrida manifestación en Mosul (Iraq) esta quinta feira en contra da agresión militar de Ancara. (Foto: Ismael Adnan / dpa)
photo_camera Concorrida manifestación en Mosul (Iraq) esta quinta feira en contra da agresión militar de Ancara. (Foto: Ismael Adnan / dpa)

É imprescindíbel “determinar as circunstancias que rodearon o ataque”, así como “garantir que haxa rendición de contas”, vén de comunicar o vicevoceiro da Secretaría Xeral das Nacións Unidas, Farhan Haq, que amais condenou a agresión militar.

Haq refírese ao ataque de artillería do Exército turco a cuarta feira contra unha zona hoteleira no distrito de Zajo, no Kurdistán iraquí, que matou nove persoas, entre elas dúas crianzas, deixando ademais 23 persoas feridas.

Os falecidos eran turistas iraquís, que nesta época enchen esa zona montañosa na provincia de Duhok, coñecida polas boas temperaturas e os saltos de auga.

Este ataque pon de manifesto a presenza militar de Turquía, que conta con varias bases, no territorio do Kurdistán no Iraq, e que se foi ampliando desde a incursión na rexión en 2008, catro anos despois da invasión liderada polos Estados Unidos para derrocar Sadam Hussein, presidente iraquí naquela altura.

O argumento esgrimido por Turquía e o seu Parlamento, que actualiza ano tras ano o permiso para violar a soberanía iraquí, é loitar contra o Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), que considera terrorista. Apuntan medios locais que un dos principais problemas do PKK na rexión é a alianza entre Ancara e o Partido Democrático do Kurdistán, que dirixe o Goberno Rexional do Kurdistán liderado por Masrour Barzani. No pasado a formación apoiou Turquía, un dos seus primeiros socios comerciais, noutras ofensivas contra o PKK, e conta co apoio dos Estados Unidos. 

Iraq di basta

Malia que estas accións militares en territorio do Kurdistán e Iraq provocan choques diplomáticos constantes entre ambos os dous Estados, a consternación e as mobilizacións por este ataque levaron nesta ocasión a que o Consello de Seguridade Nacional iraquí ordenara ao Ministerio de Exteriores que “presente unha queixa urxente perante o Consello de Seguridade das Nacións Unidas” que recompile “os reiterados ataques turcos contra a soberanía de Iraq e a seguridade dos iraquís”.

Ao tempo, exixiu que Ancara “retire as súas forzas militares” do territorio, rexeitando que “Iraq sexa unha plataforma para atacar outros países ou un escenario para un axuste de contas”, facendo fincapé en que “rexeitan firmemente a presenza de organizacións terroristas ou grupos armados no seu territorio”.

A nivel diplomático, foi chamado a consultas o encargado de negocios de Iraq en Turquía e suspendido o nomeamento dun novo embaixador. Asemade, instaron as súas Forzas Armadas a “adoptar todas as medidas necesarias para a autodefensa”.

A pesar de que os medios internacionais e as autoridades iraquís atribúen o ataque ao Exército turco, Ancara nega a súa responsabilidade e acusa o PKK. Non obstante, a organización kurda apuntou cara a Turquía e desmentiu calquera vínculo co ataque. A agresión foi condenada por instancias internacionais e por países como Alemaña e os Estados Unidos (que lidera a Organización do Tratado do Atlántico Norte, á que pertence Turquía), mais sen sinalar responsábeis.

O mesmo aconteceu con Barzani e o goberno autónomo kurdo, que se limitaron a criticar “os continuos enfrontamentos entre o Exército turco e o PKK na zona".

Turquía comezou en abril unha ofensiva no norte de Iraq

A mediados de abril deste ano, Ancara deu luz verde a unha campaña militar no Kurdistán iraquí, criticada por Bagdad como unha "ameaza á seguridade nacional". Esta operación súmase ás que ten en marcha en Siria, onde ocupa unha franxa no lado sirio da fronteira argüíndo que está a loitar contra as Unidades de Protección Popular, que agrupan as principais organizacións kurdas do Estado sirio.

Comentarios