No mínimo seis persoas mortas e 81 feridas nun atentado en Istambul

O presidente Erdogan fala de “atentado terrorista” nunha mensaxe á nación.

iSTAMBUL TURQUÍA ATENTADO
photo_camera (Foto: Ultimenews24.it)

*Información actualizada ás 9.30 horas desta segunda feira, 14 de novembro

Unha explosión nunha rúa zona peonal e comercial moi concorrida no centro de Istambul, Turquía, deixa no mínimo seis mortos e medio cento de feridos, de acordo coas autoridades da cidade.

“De acordo coas contas preliminares, catro persoas perderon a vida e 38 persoas ficaron feridas na explosión da rúa Istiklal”, adiantou o gobernador de Istambul, Alí Yerlikaya, nun breve comunicado no Twitter, se ben pouco despois desde fontes do Goberno turco elevábase a cifra a seis falecidos e medio cento de feridos.

Yerlikaya avanza que a explosión ocorreu ao redor das 16:20 horas locais, na rúa Istiklal. “Os nosos equipos da policía, saúde, bombeiros e a AFAD [equipo de xestión de desastres e emerxencias] xa foron enviadas para o lugar”.

A emisora estatal TRT e outros medios de comunicación social mostran a policía e ambulancias naquela rúa, en Istambul, no distrito de Beyoglu.

A axencia estatal Anadolu dixo nun primeiro momento que a causa da explosión aínda non era coñecida, se ben o presidente Erdogan apunta a un “covarde atentado terrorista”.

"Ofrezo as miñas condolenciasás familias dos mortos e os meus desexos de recuperación aos feridos. O Estado atopará aos organizadores deste ataque terrorista", declarou o dirixente turco.

"O pobo pode estar seguro de que se castigará aos agresores. Catro persoas morreron no lugar dos feitos e dous no hospital; hai seis mortos e 53 feridos segundo as últimas informacións", afirmou o mandatario. A cifra de persoas feridas, porén, elévase na actualidade a 81.

Detención

Na madrugada desta segunda feira as autoridades turcas informaron da detención dunha muller sospeitosa presuntamente de perpetrar o atentado que, segundo o ministro do Interior, Suleiman Soylu, "está vinculada ao Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK)".

Comentarios