A selva do Amazonas contará cun centro policial internacional

O cume non pon obxectivos concretos para frear a deforestación.
Lula da Silva a terza feira. (Foto: Ricardo Stuckert / PR)
photo_camera Lula da Silva a terza feira. (Foto: Ricardo Stuckert / PR)

Os oito Estados que forman parte da Organización do Tratado de Cooperación Amazónica, Bolivia, o Brasil, Colombia, o Ecuador, Güiana, o Perú, Surinam e Venezuela, asinaron na declaración final da Cimeira do Amazonas, na localidade brasileira de Belém, lanzar “unha alianza amazónica de combate á deforestación”, recolleron a cuarta feira medios internacionais.

Porén, non foron quen de acordar na xuntanza, que desenvolveu onte o seu segundo e último día de debates, obxectivos concretos para frear a deforestación da selva, logo de que Brasília fixara 2030 como o ano no que agarda pór fin a esta situación.

O director da entidade non gobernamental brasileira Observatório do Clima, Marcio Astrini, sostivo que a decisión é “un primeiro paso”, mais ratificou que o texto final semella unha “lista de promesas”, cuestionando a falta de “decisións concretas” en diversos asuntos, entre eles a loita contra a deforestación. O documento marca unha axenda tamén para o combate do crime na selva, en paralelo á creación dun Centro de Cooperación Policial Internacional na Amazonia.

Ao tempo, "úrxese aos países desenvoltos a cumprir cos seus compromisos de provisión e mobilización de recursos, incluíndo a meta de mobilizar máis de 90.000 millóns de euros anuais en financiamento climático”, unha meta que até o de agora non cumpriron e que países como o Reino Unido estudan abandonar.

Nun dos temas que se prevía que xeraría unha maior diverxencia entre os países amazónicos, a explotación de petróleo e gas natural, o texto indica que se alcanzou un compromiso para “iniciar un diálogo sobre a sostibilidade de sectores como minaría e hidrocarburos na rexión amazónica”.

Á vez, abordáronse os dereitos dos pobos indíxenas, que foron reafirmados na declaración, mais sen avanzar cara ás súas reclamacións principais, como o acordo para a demarcación dos seus territorios. En todo caso, estabelecerase un Mecanismo Amazónico dos Pobos Indíxenas para fortalecer e promover o diálogo entre os Gobernos e estes pobos.

Ademais, a cuarta feira celebrouse o Día Internacional dos pobos indíxenas, unha data instaurada pola Organización das Nacións Unidas. Hai 476 millóns de persoas no mundo que pertencen a pobos orixinarios, menos de 5% da poboación mundial. Aínda así, nos territorios xestionados polos pobos indíxenas foi detectada até 80% da biodiversidade do planeta.

Comentarios