Unha secretaria de Estado francesa posa para 'Playboy' no medio das protestas masivas pola reforma das pensións

A noticia sobre as imaxes de Schiappa na revista erótica 'Playboy' xerou indignación, mesmo nas filas do Goberno, debido ao actual contexto social que se vive no Estado francés.
A secretaria de Estado de Economía Social de Francia, Marlène Schiappa. (Foto: Europa Press / Contacto / Alexis Sciard).
photo_camera A secretaria de Estado de Economía Social de Francia, Marlène Schiappa. (Foto: Europa Press / Contacto / Alexis Sciard).

A secretaria de Estado de Economía Social e Solidaria de Francia, Marlène Schiappa, aparece na portada (que xa foi avanzada) da edición francesa da revista erótica Playboy que se publicará nos vindeiros días, informa AFP.

As fotografías de Schiappa acompañarán unha entrevista de 12 páxinas na cal ela aborda temas como os dereitos das mulleres, o aborto e os dereitos da comunidade LGBT.

A noticia sobre as imaxes de Schiappa en Playboy xerou indignación, mesmo nas filas do Goberno, debido ao actual contexto social. Francia é escenario de masivas protestas en rexeitamento contra a controvertida reforma de pensións.

A primeira ministra francesa, Elisabeth Borne, chamou á secretaria de Estado para dicirlle que o seu actuar "non era do todo apropiado, especialmente nas condicións actuais", dixo unha fonte familiarizada co tema.

Resposta de Schiappa

A secretaria de Estado sobre Economía Social e Solidaria tamén foi duramente criticada pola oposición francesa que, aínda que defende o dereito das mulleres para exhibir o seu corpo "en calquera lugar", rexeita que unha representante do Goberno o faga nas actuais circunstancias e considera que se trata dunha "falta de respecto" ao pobo.

Pola súa parte, Marlène Schiappa indicou que defenderá o dereito das mulleres "para dispor do seu corpo, en todas partes e en todo momento". "En Francia, as mulleres son libres. Sen ofender os retrógrados e aos hipócritas", escribiu na súa conta de Twitter.

O editor de Playboy, Jean-Christophe Florentin, tamén apoiou a funcionaria á que cualifica como a "máis compatíbel" coa revista entre os ministros franceses, debido a que ela "entende que non se trata dunha publicación para vellos machos, senón que podería ser un instrumento para a causa feminista".

"Playboy non é unha revista de porno suave, senón un 'mook' trimestral de 300 páxinas (unha mestura entre libro e revista) intelectual e de moda", agregou Florentin, quen admitiu que a publicación contén imaxes de mulleres espidas, pero "non na maioría das páxinas".

Comentarios