Os traballadores franceses premen a Macron para acabar coa reforma

A polémica reforma eleva a 64 a idade de xubilación no país. A pesar da aprobación executiva aplicada por Macron, os sindicatos manteñen o pulso e chaman a profundar as protestas e folgas.
Marcha a quinta feira en Marsella. (Foto: Gilles Bader / Le Pictorium Via Zu / Dpa)
photo_camera Marcha a quinta feira en Marsella. (Foto: Gilles Bader / Le Pictorium Via Zu / Dpa)

"Antes da reforma das pensións, nunca me manifestara", e malia que “xa non creo que poidamos frear a reforma estou aquí de todos os xeitos para que escoiten a miña rabia”, indicou a quinta feira a France24 Valérie desde París, unha posición repetida polos medios franceses ao entrevistar a algunha das 3,5 millóns de persoas que saíron ás rúas de vilas e cidades francesas na novena xornada de mobilización xeral, comunicou a Confederación Xeral do Traballo (CXT), unha cifra que a Administración rebaixa a pouco máis dun millón de persoas.

Así e todo, unha semana despois de que o Goberno aprobara o texto -que xa foi impugnado ao Consello Constitucional-, as protestas e folgas multiplicáronse. Até 60 colexios e universidades foron bloqueadas polos estudantes, ao tempo que as traballadoras e traballadores do sector público, cuxa participación fora diminuíndo, supuxeron máis de 15% dos operarios en folga en todo o país, admitiron as institucións.

Estas cifras dispáranse en empresas como a subministradora eléctrica pública EDF, onde máis da cuarta parte dos empregados non acudiron ao seu posto de traballo, ou na empresa ferroviaria SNCF, que tivo que interromper de forma xeral as viaxes tras entrar en folga un de cada tres traballadores, mentres que os manifestantes bloquearon de forma parcial o acceso ao aeroporto Charles de Gaulle e vías de tren na capital.

Ao respecto das refinarías, o Executivo renovou unha orde para obrigar tres empregados a volver ao traballo nun depósito no sur de Francia e prepara novas accións para evitar o desabastecemento de combustíbel detectado nalgunhas rexións.

AI pide "garantir a seguridade" nas protestas

A represión da Policía durante as protestas nocturnas que se desenvolveron desde a aprobación da norma, que aumenta de 62 a 64 a idade de xubilación, derivou en enfrontamentos que deixaron centos de persoas detidas e que acabaron por espallarse a boa parte do país, polo que Amnistía Internacional demandou á Policía que “garanta a seguridade dos manifestantes e se absteña de usar unha forza innecesaria ou excesiva”.

"Tirou ao lume unha lata de gasolina"

O secretario xeral da CXT, Philippe Martinez, subliñou que o presidente Emmanuel Macron “tirou ao lume unha lata de gasolina” coas declaracións que fixo a cuarta feira, algo que confirmou 61% das persoas que participaron na enquisa difundida polo instituto Elabe, que sinalaron que as palabras do mandatario intensificarán aínda máis o malestar social no país.

Comentarios