Saúde

O sarampelo: unha ameaza cada vez maior para os cativos

A Organización Mundial da Saúde alerta do aumento do número de casos e mortes por sarampelo debido ao decrecemento da cobertura de vacinación.
Nena con sarampión no Iemen (Foto: Majd Aljunaid).
photo_camera Nena con sarampión no Iemen. (Foto: Majd Aljunaid).

Un novo informe da Organización Mundial da Saúde (OMS) e os Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) dos Estados Unidos advirte do aumento do número de casos de sarampelo por mor do decrecemento da cobertura de vacinación.

O estudo indica que, no ano 2022, houbo un incremento dun 18% de casos e dun 43% de mortes a nivel mundial, en comparación cos datos dispoñíbeis de 2021. Estas cifras elevan o número estimado de casos de sarampelo a nove millóns e de mortes a 136.000, sendo a maioría delas de cativos.

O sarampelo segue a ser unha ameaza cada vez maior para as crianzas. En 2022, 37 países experimentaron gromo de sarampelo importantes. Dos países que os experimentaron, 28 estaban na Rexión de África da OMS, seis no Mediterráneo Oriental, dous no Sueste Asiático e un na Rexión Europea.

"O aumento dos gromos de sarampelo e as mortes é asombroso, mais non é inesperado dada a diminución das taxas de vacinación que vimos nos últimos anos", afirma o director da División de Inmunización Global dos CDC, John Vertefeuille. "Os casos de sarampelo en calquera lugar representan un risco para todos os países e comunidades onde as persoas non están vacinadas o suficiente. É fundamental realizar esforzos urxentes e específicos para previr a enfermidade e as mortes por sarampelo", engade.

"É fundamental realizar esforzos urxentes e específicos para previr a enfermidade e as mortes por sarampelo", asevera John Vertefeuille

Un problema de equidade

A enfermidade pódese previr con dúas doses de vacina contra o sarampelo. No 2022, aínda había 33 millóns de cativos que omitiron unha dose da vacina contra o sarampelo: case 22 millóns omitiron a súa primeira dose e outros 11 millóns omitiron a  segunda.

A taxa mundial de cobertura de vacinación da primeira dose é do 83% e da segunda dose do 74%. Este dato está moi por baixo da cobertura do 95% con dúas doses que é necesaria para protexer ás comunidades dos gromos.

Os países de baixos ingresos, onde o risco de morte por sarampelo é maior, seguen a ter as taxas de vacinación máis baixas, con só o 66%. Dos 22 millóns de nenos que non recibiron a súa primeira dose da vacina contra o sarampelo en 2022, máis da metade vive en só 10 países: Angola, Brasil, República Democrática do Congo, Etiopía, India, Indonesia, Madagascar, Nixeria, Paquistán e Filipinas.

"A falta de recuperación da cobertura da vacina contra o sarampelo nos países de baixos ingresos despois da pandemia é un sinal de alarma para actuar. Ao sarampelo chámaselle o virus da inequidade por unha boa razón: é a enfermidade que atopará e atacará a aqueles que non están protexidos", afirma a directora de Inmunización, Vacinas e Produtos Biolóxicos da OMS, Kate O'Brien. Neste sentido, a experta sinala que "as crianzas de todo o mundo teñen dereito a estar protexidos pola vacina contra o sarampelo, que lles salvará a vida, sen importar onde vivan".

"As crianzas de todo o mundo teñen dereito a estar protexidas pola vacina contra o sarampelo, que lles salvará a vida, sen importar onde vivan", afirma Kate O'Brien

Neste contexto, os CDC e a OMS instan os países a atopar e vacinar a todos os cativos contra o sarampelo e outras enfermidades que se poidan previr mediante vacinas e alentan ás partes interesadas globais a axudar os países máis vulnerábeis. Ademais, para axudar a previr gromos, piden a todos os socios sanitarios mundiais a nivel global, rexional, nacional e local que invistan en sistemas de vixilancia sólidos para responder rapidamente aos surtos.

Comentarios