Na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) decorrida na tarde desta cuarta feira o departamento dirixido por Carolina Darias fixo unha nova proposta de medidas que atende ás protestas de seis territorios, malia que o documento saíra adiante a semana pasada.
Así, iniciativas tales como o fechamento dos bares á 1 da madrugada e as discotecas ás 3, entre outras cuestións, quedarán nunha "recomendación", pero serán as diferentes Administracións territoriais as que teñan a última palabra sobre os pasos a dar para facer fronte á Covid-19.
É dicir, o texto aprobouse hoxe como unha suxestión a cumprir na medida do posíbel, pero deixa a posibilidade de que se amplíe "o horario do lecer nocturno se a situación epidemiolóxica" de cada zona o permite.
O cambio de rumbo decorre despois de que Galiza, Madrid, Euskadi -que hoxe tampouco participou do debate nin da votación-, Catalunya, Andalucía e Murcia amosaran a súa desconformidade a semana pasada porque, após decaer o estado de alarma, moitos gobernos xa traballaran nas súas propias estratexias de actuación.
De feito, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, manifestara o interese de apostar nun texto de recomendacións que fora flexíbel e revisábel.
Segundo o novo informe, ao que tivo acceso Europa Press, as horas da hostalaría -que no país aliárase coa Xunta por se era necesario ir ao Constitucional- até as 2 horas, un marxe temporal ampliábel.
Ademais, suprime outras restricións publicadas no Boletín Oficial do Estado (BOE) como que a capacidade máxima dos locais estivera no 50% e que o límite de persoas compartindo mesa fora de seis.