40 anos na OTAN: Sánchez pide aumentar o gasto en Defensa ante a "ameaza" da guerra en Ucraína

O xefe do Executivo español afirma que a Alianza Atlántica é o "espazo natural" do Estado español e reivindica a "necesaria unidade e cooperación" entre os membros desta organización militar.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, defendeu esta segunda feira no Teatro Real de Madrid a pertenza do Estado español á OTAN. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, defendeu esta segunda feira no Teatro Real de Madrid a pertenza do Estado español á OTAN. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, defendeu esta segunda feira o aumento do gasto en Defensa que ao seu xuízo debe acometer o Estado español ante as "ameazas" que se presentan e dado que a seguridade "non está garantida de forma indefinida", sostivo.

Na súa intervención no acto de conmemoración do 40 aniversario da entrada na OTAN, ante o secretario xeral da Alianza, Jens Stoltenberg, e o rei Felipe VI, Sánchez sinalou que é "imprescindíbel" reforzar as capacidades de disuasión e que estas só se adquiren cun aumento do investimento en Defensa. "Somos moi conscientes diso", afirmou.

Sánchez engadiu que os aliados así llo van a transmitir ás súas sociedades. "Debemos facer ese esforzo", apuntou, porque "é moito maior o custo de quedar de brazos cruzados" mentres se pon "en xaque" a liberdade e o modelo de convivencia pacífica, subliñou.

Así, indicou que a guerra en Ucraína "abriu os ollos" ás sociedades europeas e tamén á española, e que moitas persoas entenderon que "a seguridade non está garantida de forma indefinida" e que, por tanto, é necesaria a "unidade" e a "cooperación" entre os membros da OTAN para preservala.

Aliás, indicou que o novo concepto estratéxico que se vai a aprobar no cumio de Madrid a finais de xuño deberá responder á guerra —"vellas ameazas que criamos superadas"—, pero tamén debe ir máis aló e afrontar as novas ameazas híbridas ou relacionadas co cambio climático. "Ese concepto vai ir moito máis alá", sinalou.

Agradecemento aos ex presidentes

Ao longo do seu discurso, Sánchez fixo un percorrido polos anos que o Estado español leva integrado na OTAN, desde o ingreso o 30 de maio de 1982, e tivo palabras de recoñecemento para todos os ex presidentes do Goberno e as decisións que tomaron a respecto da Alianza. Entre o público estaban Felipe González, José María Aznar e José Luis Rodríguez Zapatero.

Así, lembrou que a decisión de adherirse á OTAN partiu de Leopoldo Calvo Sotelo e que despois Felipe González asumiu o "reto" de convocar un referendo consultivo —malia que inicialmente se opuxera á Alianza— no que 52% votou pola permanencia no ente.

A continuación indicou que foi o Goberno de Aznar o que deu un paso importante na adhesión de España na estrutura militar da Alianza coa que España tornou nun suxeito activo na forza e o mando da organización.

"A OTAN é o noso espazo natural no mundo", dixo Sánchez

O xefe do Executivo indicou que con esta incorporación o Estado español quixo decidir por si mesma e regresou ao espazo "natural" que lle pertencía na orde mundial, de seguridade e progreso. Tamén, que pertencer á OTAN axudou a cimentar as relacións co mundo occidental e en especial o vínculo transatlántico cos Estados Unidos e o Canadá.

Comentarios