Rusia concede o triunfo da alianza turco-acerbaixana sobre Armenia en Artsakh

O avance das tropas acerbaixanas sobre o territorio armenio e a República de Artsakh (Nagorno Karabakh), co apoio de Turquía e o 'laissez faire' de Rusia, concluíu hoxe coa sinatura dun acordo de paz entre Bakú e Iereván e a mediación de Putin, que se asegura a presenza militar na rexión e evita outro conflito con Ankara alén de Siria e Libia.
EuropaPress_3422224_presidente_rusia_vladimir_putin_primer_ministro_armenia_nikol_pashinian
photo_camera Putin, presidente ruso, e Pashinian, primeiro ministro armenio (Alexei Druzhinin / Zuma Press)

A cara e a cruz dun acordo de paz. Mentres en Bakú, capital de Acerbaixán se celebraba nas rúas o pacto con cánticos como "Karabakh é noso" ou "Karabakh é Acerbaixán", en Iereván, capital de Armenia, a situación era moi distinta na madrugada de hoxe. Centos de armenios opostos á resolución irromperon nas sedes do Goberno e do Parlamento para denunciar a "traizón" do primeiro ministro, Nikol Pashinián. Tamén, o presidente da Cámara, Ararat Mirzoián, foi sacado do seu coche oficial e golpeado.

Foron as primeiras reaccións á sinatura entre Armenia, Acerbaixán e Rusia da declaración para pór fin á guerra en Artsakh, máis coñecida polo antigo nome de Nagorno Karabakh ("Alto Karabakh"). É o cuarto cesamento do fogo acordado na rexión desde que se reiniciaron as hostilidades o 27 de setembro, mais a involucración rusa, que despregará forzas de paz, dálle máis consistencia que os anteriores.

Pashinián explicou esta terza feira en Facebook que "o texto da declaración é incribelmente doloroso" para o pobo armenio, mais que chega "como resultado dunha profunda análise da situación militar" e "baseado na crenza de que esta é a mellor solución".

Algúns partidos opositores, incluído o conservador pro ruso Armenia Próspera (BHK) ─a segunda forza con maior representación parlamentaria─, anunciaron unha recollida de sinaturas para frear o pacto. Ademais, o presidente de Armenia, Armen Sarkisián, asegurou que non fora consultado sobre o acordo.

Malia non haber unha guerra aberta, os enfrontamentos foron continuos no último lustro entre os Exércitos de Artsakh e Armenia por un lado e o de Acerbaixán polo outro. O máis intenso produciuse en abril de 2016 e deixou uns 300 mortos. Porén, o conflito está enraizado nun pasado colonial, nos límites dos imperios otomán e ruso, e no marco das tensións étnicas durante o proceso de sovietización dunha rexión ─o Cáucaso─ cunha gran diversidade cultural, lingüística e relixiosa. 

Desde que a URSS invadiu a rexión en 1920 até a súa disolución en 1991, Nagorno Karabakh pertenceu a Acerbaixán. O 2 de setembro de 1991 proclamou a independencia, que foi seguida dunha guerra entre Armenia e Acerbaixán. Tras 25.000 mortes, en 1994 Acerbaixán, Armenia e Nagorno Karabakh asinaron unha tregua auspiciada por Rusia. Como resultado, Bakú perdeu o control sobre Artsakh e outros sete distritos adxacentes, que foron ocupados por Armenia como "faixa de seguridade". O Consello de Seguridade da ONU aprobou catro resolucións, todas en 1993, exixindo a "retirada das tropas de ocupacións" desta faixa. 

Avance militar acerbaixano

Desta volta, o acordo hoxe asinado favorece a Acerbaixán, que se estaba impoñendo no recente conflito militar grazas ao apoio de Turquía. "Había xente na fronte que non fixera cambio de garda durante un mes. Armenia e a administración de Nagorno-Karabaj decidiron que a guerra debía terminar canto antes. De non ser así, as consecuencias serían moito máis graves", escribiu Pashinián en Facebook. 

Anadolu, a axencia de noticias turca de titularidade estatal, recolleu que desde o pasado 27 de setembro, cando comezou a ofensiva, o Exército acerbaixano "liberou catro cidades, tres asentamentos e máis de 240 aldeas, así como algunhas zonas estratéxicas que estaban baixo ocupación das forzas armenias".

O presidente de Acerbaixán, Ilham Aliev, anunciou que Rusia e Turquía asumirían conxuntamente a misión de manter a paz na zona. Con todo, o texto completo da declaración non menciona en ningures Turquía, segundo RT, a canle de televisión internacional propiedade do Goberno ruso. "Non hai unha soa palabra sobre isto no texto da declaración publicada, non foi acordado polas tres partes", confirmou o portavoz presidencial ruso, Dmitri Peskov.

Aliev ─engadiu RT─ tamén cualificou de "histórico" o acordo con Armenia e Rusia. Expresou ademais o agradecemento ao presidente ruso, Vladimir Putin, pola súa participación persoal na resolución. "Bakú alégrase de que se poña o punto final na resolución do conflito en Nagorno Karabakh, que durou moitos anos", manifestou nun discurso público ao seu país.

Turquía, ademais de non recoñecer o xenocidio armenio, é o principal aliado militar e político de Acerbaixán. No outro lado do taboleiro, Rusia ─que xa mantén un conflito de intereses con Ankara en Siria e Libia─ apoia Armenia, aínda que tamén vende armas a Bakú. Porén, as relacións de Moscova con Iereván non pasan polo mellor momento desde a coñecida como Revolución de Veludo armenia de 2018, unha serie de protestas cidadás contra o terceiro mandato consecutivo de Serzh Sargsyan. O líder daquela revolución era Pashinián.

Despregue militar ruso durante o vindeiro lustro

Os principais aspectos do acordo inclúen o cesamento completo das hostilidades a partir das 00 horas de Moscova (22 horas en Compostela). Acerbaixán e Armenia detéñense nas súas posicións actuais. Acerbaixán ─este é o punto que máis enfado causou en Armenia─ recupera a rexión de Kalbajar antes do 15 de novembro, o distrito de Agdam antes do 20 de novembro e a rexión de Lachín antes do 1 de decembro.

Rusia despregará ao longo do corredor de Lachín ─que une Nagorno Karabaj e Armenia─ 1.960 militares, 90 vehículos blindados e outras 380 unidades motorizadas durante cinco anos, prorrogábeis por outro lustro máis. As persoas desprazadas internas e refuxiadas regresarán a Nagorno Karabaj e ás áreas adxacentes baixo o control da Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (Acnur), e haberá un troco de prisioneiros e de falecidos. 

Comentarios