Armenia entra en estado de guerra

O presidente de Armenia, Nikol Pashinián, declarou este domingo 27 de setembro o estado de guerra e a mobilización xeral en todo o país ante o confronto con Acerbaixán. A república de Artsaj culpa o mandatario acerbaixano, Ilhan Aliyev, da posíbel "devastadora catástrofe humanitaria na rexión".

 
Militares do exército de Armenia (Imaxe: MoD of Armenia)
photo_camera Militares do exército de Armenia (Imaxe: MoD of Armenia)

Logo de que Acerbaixán anunciase unha contraofensiva, o presidente de Armenia, Nikol Pashinián, declarou este domingo 27 de setembro o estado de guerra e a mobilización xeral en toda esta antiga república soviética.

"Agora, por decisión do Goberno, declárase na república de Armenia a lei marcial e unha mobilización xeral. A decisión entrará en vigor desde o momento da súa publicación. Insto o persoal adscrito ás tropas para presentarse ás súas comisións militares territoriais", escribiu Pashinián no seu perfil de Facebook.

A reacción do presidente de Armenia chegou unha hora despois de que medidas similares se adoptasen polas autoridades da república de Artsaj (en ruso, Nagorno Karabaj), unha rexión proclamada república (non recoñecida aínda por Estados da ONU) mais que funciona de facto como un país independente con fortes vínculos con Armenia.

O presidente da república de Artsaj, Arayik Harutyunyan, afirmou que o seu país non quere a guerra pero que está preparado para ela e culpou o mandatario acerbaixano, Ilhan Aliyev, da posíbel "devastadora catástrofe humanitaria na rexión".

As declaracións de Pashinián e Harutyunyan teñen lugar despois de que Acerbaixán anunciase este domingo unha contraofensiva "en toda a liña da fronte" con Armenia en resposta a un ataque seu.

As dúas partes recoñecen que xa houbo enfrontamentos e mortes, sen aínda daren cifras. O Ministerio de Asuntos Exteriores ruso instou Armenia e Acerbaixán a evitar accións militares.

A república de Artsaj

Este territorio converteuse en obxecto de controversia entre Armenia e Acerbaixán cando ambos os países se independizaron do Imperio ruso en 1918.

Despois a Unión Soviética estabeleceu o control sobre a zona. En 1923, formouse a óblast autónoma do Alto Karabaj, dentro da República Socialista Soviética de Acerbaixán. Nos últimos anos da Unión Soviética, a rexión volveu converterse nunha fonte de controversia entre Armenia e Acerbaixán, culminando nun gran conflito étnico e na guerra do Alto Karabaj (1991-1994).

Foi en 1991, durante a guerra do Alto Karabaj, cando se autoproclamou como república independente. A poboación da rexión está formada case totalmente por armenios. Acerbaixán insiste en que as tropas e habitantes armenios deben abandonar a rexión e Armenia non quere Artsaj siga sendo legalmente parte de Acerbaixán.

Comentarios