O rei emérito paga 680.000 euros a Facenda para evitar unha causa xudicial

Xoán Carlos I fuxiu no verán aos Emiratos Árabes Unidos acurralado por escándalos de corrupción.

Retirada do Parlamento de Nafarroa do cadro de Juan Carlos I (Parlamento de Nafarroa).
photo_camera Retirada do Parlamento de Nafarroa do cadro de Xoán Carlos I (Parlamento de Nafarroa).

O rei emérito pagou unha débeda de 678.393,72 euros con Facenda para evitar unha causa xudicial polo uso de tarxetas ‘black’ que afecta parte da familia real.

Segundo o seu avogado, Sánchez-Junco, nun comunicado, o rei emérito presentou unha declaración "sen requirimento previo" para regularizar a súa situación tributaria. O Borbón, mantén a declaración, "segue a disposición" da Fiscalía para calquera procedemento ou actuación que considere oportuno.

O rei emérito fuxiu aos Emiratos Árabes Unidos no verán e nin a Moncloa nin a Casa Real español deron ningunha explicación.

Ante a noticia deste pagamento, a vicepresidenta do Goberno español, Carmen Calvo, evitou facer comentarios. "Non temos nada que dicir, é parte dunha actuación persoal do rei emérito", dixo.

Esta semana transcendeu que Xoán Carlos I comunicou á súa contorna que quere volver a España para pasar uns días nas festas do Nadal. A Casa Real non o ve claro mais está a analizar a situación.

En calquera caso, o rei emérito non ten previsto volver á Zarzuela, o que podería provocar unha crise institucional, e só pisaría España co visto e prace do seu fillo, Filipe VI, e do Goberno español, que segue evitando dar detalles da fuga do monarca a mediados de agosto. A seguridade do monarca no exterior corre a cargo do Ministerio do Interior.

Comentarios