Emiratos Árabes, a ditadura misóxina na que se refuxiou Juan Carlos de Borbón

Os Emiratos Árabes Unidos están lonxe de cumprir cos estándares esixíbeis a un réxime democrático. A monarquía teocrática denunciada por incumprir sistematicamente os dereitos humanos e por conivencia co terrorismo salafista é o lugar escollido polo rei emérito español para a primeira etapa da súa fuxida.

 

1 (4)
photo_camera Juan Carlos I co príncipe herdeiro de EAU, Mohamed Bin Zayed nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Casa Real)

Juan Carlos de Borbón atópase ligado de vello ás dinastías que rexen os Emiratos Árabes Unidos. Neste sentido, destaca a súa fonda amizade co emir de Dubai e primeiro ministro dos Emiratos Árabes Unidos (EAU), Mohammed bin Rashid Al Maktoum, até o punto de que o rei emérito e a súa irmá Pilar presentáronlle a súa sexta esposa, a princesa xordana Haya. Mohammed bin Rashid, que en 2011 regalou a Juan Carlos dous deportivos de marca Ferrari por un valor de 700.000 euros, foi condenado recentemente pola xustiza británica polo secuestro de dúas das súas fillas e por amezas a súa parella Haya, fugada neste Estado.

Mohamed bin Rashid, cuxo patrimonio está valorado en 4.000 millóns de dólares, é un vello coñecido da xustiza internacional. Á volta de 2006 foi denunciado diante dun tribunal dos Estados Unidos polo secuestro durante as tres últimas décadas de arredor de 30.000 nenas e nenos que eran obrigados a traballar como coidadores e xinetes de camelos nunhas situacións extremas. Un ano antes, Unicef e os EAU asinaran un acordo polo que este Estado se comprometía a devolver aos seus países de orixe aqueles rapaces obrigados a traballar como escravos.

O presidente do país, Zayed bin Sultan Al Nahayan, e o seu herdeiro, Mohamed Bin Zayed, tamén fan parte do círculo de amizades do monarca español. O primeiro recibiu diversas distincións honoríficas españolas, como a Orde de Isabel La Católica ou a Orde do Mérito Civil, aparecendo o segundo como anfitrión habitual de Juan Carlos nas súas visitas privadas aos EAU. En 2018 atopábase a carón do emérito cando no circuíto de Yes Marina en Abu Dhabi non dubidaba en saudar afectuosamente o príncipe herdeiro de Arabia Saudita, Mohamed Bin Salman, só un mes despois do asasinato do xornalista Jamal Khashoggi.

As monarquías teocráticas do Golfo Pérsico

Os Emiratos Árabes Unidos son outra das monarquías teocráticas do Golfo Pérsico coñecidas polas súas importantes reservas de petróleo e a violación sistemática dos dereitos sociais e individuais. Xurdidos en 1971 da unión dos emiratos de Abu Dhabi, Dubai, Sarja, Axman, Ras al-Jaima,Umm al-Caiwain e Fujairah merecen a crítica xeneralizada das asociacións internacionais en defensa dos dereitos humanos pola ausencia de liberdades políticas e pola represión aos opositores, polas desigualdades e as condición laborais dos traballadores, no seu 90% emigrantes, polo trato ás mulleres e pola persecución aos homosexuais.

O informe de Amnistía Internacional de 2019 deixa poucas dúbidas ao redor da calidade democrática dos EAU. Así, recóllese que “as autoridades, en particular a Axencia de Seguridade do Estado, someteron a persoas detidas, algunhas delas estranxeiras, a reclusión arbitraria, tortura e desaparición forzada. Tamén restrinxiron a liberdade de expresión encarcerando en condicións terríbeis persoas críticas co Goberno”. Ao tempo, destaca a discriminación “na lexislación e na práctica” das mulleres, sinalando que “os malos tratos son considerados como dereitos do esposo”.

A política internacional dos EAU leva moitos anos baixo sospeita. Á súa actuación militar en Iemen, facendo parte da coalición internacional que liderada por Arabia Saudita está a provocar un xenocidio, débese sumar a conexión co terrorismo salafista. A este respecto, diversos analistas ou dirixentes políticos, como o iemení Saleh al Jubwani, teñen denunciado as relacións de EAU con Al Qaeda e o Estado Islámico, até o punto de ser sinalado como un dos países que financiaron estas dúas organizacións nas dúas últimas décadas.

Comentarios