xoves 24/09/20

Xoán Carlos I, investigado pola Fiscalía, abandona o Estado español

O  rei emérito comunicou ao seu fillo Filipe VI que marcha vivir fóra do Estado español. 

Retirada do Parlamento de Nafarroa do cadro de Xoán Carlos I (Parlamento de Nafarroa).
Retirada do Parlamento de Nafarroa do cadro de Xoán Carlos I (Parlamento de Nafarroa).

Con esta decisión culmina unha traxectoria que empezou coa propia renuncia á súa parte da herdanza despois das informacións que se escapaban desde Suíza sobre os seus negocios en Arabia Saudita.

Agora semella que é o momento de "salvar a institución", como o era en xuño do 2014 cunha abdicación inédita. 

Era un paso definitivo que xa sobrevoaba o ambiente desde hai días, e que estudaban desde os palacios da Moncloa e a Zarzuela. En público, a portavoz María Jesús Montero animaba a Filipe VI a dar máis pasos, "celebrando" todas as medidas "pasadas e futuras" adoptadas pola Casa Real, fosen cal fosen. Fóra de cámaras, membros do Executivo español sinalaban que, a pesar de corresponder ao xefe do Estado, a marcha do rei emérito da residencia era un escenario plausíbel e sería un paso valente.

Esta é a carta que Xoán Carlos I enviou ao seu fillo Felipe:

"Co mesmo afán de servizo a España que inspirou o meu reinado e ante a repercusión pública que están a xerar certos acontecementos pasados da miña vida privada, desexo manifestarche a miña máis absoluta dispoñibilidade para contribuír a facilitar o exercicio das túas funcións, desde a tranquilidade e o acougo que require a túa alta responsabilidade. O meu legado, e a miña propia dignidade como persoa, así mo esixen.

Hai un ano expreseiche a miña vontade e desexo de deixar de desenvolver actividades institucionais. Agora, guiado polo convencemento de prestar o mellor servizo aos españois, ás súas institucións e a ti como Rei comunícoche a miña meditada decisión de trasladarme, nestes momentos, fóra de España.

Unha decisión que tomo con profundo sentimento, pero con gran serenidade. Fun Rei de España durante case corenta anos e, durante todos eles, sempre quixen o mellor para España e para a Coroa.

Coa miña lealdade de sempre. Co agarimo e afecto de sempre, o teu pai."

Comunicado do BNG

O Bloque Nacionalista Galego pediu que se investigue "a fondo" a "corrupción da casa real" e que se xulgue "os Borbóns" polas súas actuacións, "con todas as consecuencias penais e políticas". Nun comunicado remitido aos medios despois de que se coñecese a decisión do rei emérito Xoán Carlos I de abandonar o Estado español, o BNG considera que "resolver esta situación cunha operación de imaxe" non fará máis que "reafirmar a evidencia de que, para perpetuarse, o réxime español opta por seguir tapando e ocultando a corrupción real, a expensas da verdade e da democracia".

Neste sentido, os nacionalistas sosteñen que o anuncio comunicado  "responde a unha previsíbel operación por tentar salvar a monarquía e, especialmente, para desvincular o rei Felipe VI das negociacións e da imaxe de corrupción do rei emérito" a pesar das "múltiples evidencias" que, segundo sinala, existen sobre que o "actual xefe do Estado estaba ao tanto da actuación de Xoçan Carlos I e de que se beneficiou dela".

comentarios