sábado 06/03/21

A "refundación" do nacionalismo e o independentismo canario bate coa pandemia

O representante de Agora Canarias Vicente Quintana participou esta quinta feira nunha nova palestra organizada pola Fundación Galiza Sempre. Na súa intervención indicou que a dependencia do arquipélago é altísima e que detectan un "maltrato institucional". Das súas palabras extráese que se sinten reducidos a un destino turístico e unha "xigantesca cárcere para migrantes".
Captura dun momento da intervención de Quintana. (Foto: Nós Diario)
Captura dun momento da intervención de Quintana. (Foto: Nós Diario)

Ahora Canarias tiña como obxectivo prioritario a "refundación do independentismo canario" pero atopou coa pandemia da Covid-19, que está a dificultar o proceso para conseguir os obxectivos fixados. Así o contou hoxe o representante da formación Vicente Quintana, que participou nunha nova palestra organizada pola Fundación Galiza Sempre.

Baixo o título "Nacionalismo canario no contexto actual", Quintana analizou a evolución desta corrente desde o século XIX falando da "factura" que pasou "o xiro brutal á dereita de Coalición Canaria". Na súa opinión, a creación desta confluencia fixo de "muro de contención" do nacionalismo.

Antes tiveron épocas que, dixo, non foron quen de "aproveitar" para tomar unha posición firme. "Nas primeiras eleccións democráticas aquí, o nacionalismo foi a terceira forza política e no 82 comezou a notarse o declive", lamentou.

Coas cartas que teñen após ese pasado, é preciso traballar para recuperar algún traballo feito no pasado coa vista posta en que "a xente teña a potestade de decidir o que queren e pode ser un futuro brillante para Canarias, pero para todas e todos, non para uns poucos".

Sen "caer en vellos vicios", queren ir cara un reparto máis equitativo da riqueza ou da economía, pois segundo estimou algo máis de 4.000 residentes quedan "coa papa quente do PIB" das illas.

Aludiu a esa imaxe idílica porque na actualidade "a dependencia do exterior é terríbel, pois o 80% do que se consume tense que exportar". O papel de "colonia" do Estado español, do que queren fuxir, fixo que o turismo fora a principal fonte de ingresos tras "destruír o pouco de industria que había, a frota pesqueira, o pouco que tíñamos para negociar con outros lugares...".

"Temos que exportar porque dixeron que podemos atender os hoteis e pouco máis; son as leis impostas pola nación que nos conquistou, que nos trata como unha colonia", reflexionou Quintana, especialmente preocupado porque Canarias sexa vista como punto de afluencia turística pero tamén como "unha xigantesca cárcere de migrantes que non queren estar aquí".

Após padecer o "maltrato institucional", desde Ahora Canarias advirten que están "nunha quebra social e económica". "A triste realidade é que estamos na bancarrota", resumiu.

comentarios