Eleccións en Euskadi

Recta final da campaña: dúas novas enquisas dan a vitoria (pola mínima) a EH Bildu

A falta dunha semana para as eleccións ao Parlamento vasco o empate técnico entre Bildu e PNV ao que apuntan a práctica totalidade das sondaxes anticipa unha dura batalla.
O candidato de EH Bildu, Pello Otxandiano, nun mitin recente. (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press)
photo_camera O candidato de EH Bildu, Pello Otxandiano, nun mitin recente. (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press)

EH Bildu gañaría as próximas eleccións vascas, tanto en votos e en escanos, ao obter entre 27 ou 29, até oito máis que, na actualidade, mentres o PNV lograría entre 26 e 27 fronte aos 31 actuais, catro ou cinco menos. Ambas as forzas, porén, quedarían practicamente empatadas en votos. Así se desprende das dúas enquisas difundidas na mañá deste domingo por EITB Focus e Ikerfel.

 

EITB

A primeira delas, a da canle pública, elaborouse tras realizar 1.800 enquisas telefónicas, 600 en cada un dos tres territorios, entre o 5 o 11 de abril. Segundo esta mesma sondaxe, o PSE-EE seguiría sendo a terceira forza e podería manterse cos seus actuais dez representantes ou lograr dous escanos máis, mentres o PP, que pasa a ser o cuarto partido máis votado, sobe en porcentaxe de voto e sumaría un escano, até lograr sete.

Na esquerda confederal só Sumar lograría representación en Euskadi, con entre un ou dous parlamentarios, mentres Elkarrekin Podemos-Alianza Verde non conseguiría escano, de maneira que ese espazo, ao ir ambas as forzas por separado, perdería catro representantes, xa que lograra seis escanos en 2020. Pola súa parte, Vox desaparecería da Cámara vasca.

Con estes resultados, PNV e PSE poderían reeditar a coalición de goberno, aínda que non estaría garantida a maioría absoluta (38), se ben hai un 20% de persoas indecisas que poderían condicionar o resultado final, xa que non son abstencionistas, senón que declararon a súa intención de votar, pero adoitan decidir o sentido do seu voto poucos días ou horas antes dos comicios. A participación prevista non alcanza o 61% dos votos.

Ikerfel

Tomando como referencia o estudo de Ikerfel para El Correo, Bildu gañaría as eleccións pola mínima cunha porcentaxe de votos de 34,2% e entre 27 e 28 escanos, seis ou sete máis que hai catro anos, mentres que o PNV perdería catro representantes e podería empatar coa coalición soberanista se esta lograse 27 parlamentarios, con 33,8% dos sufraxios.

Pola súa parte, o PSE-EE seguiría sendo a terceira forza e lograría entre dez ou once representantes fronte aos dez actuais, o PP quedaría cos seus seis parlamentarios ou gañaría un, mentres que Sumar obtería tres representantes e Vox ningún ou mantería o que ten. Elkarrekin Podemos non lograría entrar no Parlamento. Na enquisa estímase que hai un 23,3% de indecisos, dos que 49,8% consideraría votar ao PNV, mentres que un 41,8% acabaría por decantarse por EH Bildu.

Con estes resultados, un pacto entre o PNV e o PSE-EE obtería entre 37 e 38 escanos, de maneira que só no segundo dos supostos poderían lograrse os 38 parlamentarios da maioría absoluta, mentres un posíbel pacto entre EH Bildu e PSE-EE obtería entre 37 e 39 escanos, e entre Bildu e PNV, de 54 a 56 escanos.

Comentarios