domingo 25/07/21
40% das mortes provocadas polo coronavirus nos Estados Unidos poderían terse evitado

EUA: os recortes aumentan a letalidade do virus

As consecuencias das políticas de retallos sanitarios deixáronse notar na resposta á pandemia. Unha investigación publicada na prestixiosa revista científica The Lancet sinala que a ausencia dun sistema público de saúde ten situado os Estados Unidos á cabeza de mortes por coronavirus.
Protestas de sanitarias en California para denunciar a falla de medios para atender a Covid-19 nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)
Protestas de sanitarias en California para denunciar a falla de medios para atender a Covid-19 nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

Un traballo publicado na revista médica británica de The Lancet afirma que preto de 40% das mortes provocadas polo coronavirus nos Estados Unidos poderían terse evitado se o país adoptase medidas máis duras contra a pandemia. Segundo o artigo, asinado por 33 recoñecidos investigadores, “na alta mortalidade foi determinante a actitude adoptada polo presidente Donald Trump”, que “politizou e repudiou a ciencia, deixando o país sen preparación e exposto á pandemia”. Os autores do estudo consideran chave no acontecido a ausencia de medidas por parte do Goberno federal dirixidas a evitar aglomeracións públicas e a promover o uso de máscaras sanitarias.

Os autores do artigo publicado en The Lancet ligan de maneira directa a alta mortalidade pola pandemia nos EUA coa ausencia dun sistema público de saúde. Neste sentido demandan ao novo Goberno de Joe Biden marcar “inmediatamente” distancias coas políticas sanitarias de Donald Trump, mais recoñecen que o gobernante republicano “herdou décadas de políticas erradas en materia de saúde, que a súa Administración non fixo máis que agravar”. Ao tempo, advirten das “dificultades para acceder á saúde”, nun sistema cun gran compoñente privado e prezos elevadísimos, que provoca que “a esperanza de vida, que rolda os 78 anos nos Estados Unidos, comezase a caer, mentres que no resto do mundo este índice tende a aumentar”.

A investigación conclúe que “Estados Unidos é o país do mundo con máis mortes e infeccións causadas polo coronavirus”, con máis de 27,5 millóns de contaxiados e 473.000 falecidos. A metodoloxía empregada polo persoal investigador para determinar cantos decesos atribuídos á Covid-19 se poderían evitar nos EUA pasou por comparar a súa taxa de mortalidade coa media doutros Estados do G-7 como Canadá, Francia, Alemaña, Italia, Xapón e Reino Unido. Así as cousas, os autores reclaman na súa investigación “reverter as políticas que sucesivamente, no transcurso dos anos, xeraron que a saúde da poboación estadounidense empeorase, no canto de mellorar, como sucede na maior parte do mundo desenvolvido”.

O estudo certifica que a pandemia golpeou de maneira máis forte os sectores populares. Nesta liña apunta que “a esperanza de vida da poboación de orixe hispana diminuíu en 3,5 anos e incrementou a diferenza de mortalidade entre brancos e negros”. A este respecto, o editor xefe de The Lancet, Richard Horton, afirma que “a pandemia mostrou que o sistema sanitario do país é especialmente inadecuado á hora de protexer a saúde da nación. A Covid-19 explotou as desigualdades existentes a nivel sanitario e social en todo o mundo, pero en ningún outro lugar de modo tan claro como nos Estados Unidos”.

A pandemia veu agudizar as tendencias presentes na sociedade estadounidense das últimas décadas. O informe de The Lancet destaca que “en 2018 poderían evitarse 61.000 mortes con políticas sanitarias distintas” e considera que “só con outras políticas ambientais evitaríanse 22.000 falecementos en 2019”. Nesta dirección, os autores da investigación significan que “as erradas políticas sanitarias son en boa parte o motivo de que 11% dos estadounidenses sufran inseguridade alimentaria, risco de obesidade ou diabetes, e, polo tanto, unha maior posibilidade de morrer por causa do coronavirus”.

Os datos achegados neste estudo veñen confirmar algunhas hipóteses de traballo xa formuladas desde o comezo da pandemia. Naquela altura, pensadores críticos como David Harvey sinalaron que “as autoridades e os sistemas de saúde foron sorprendidos en todas as partes por unha gran falta de persoal. Corenta anos de neoliberalismo en toda América do Norte, América do Sur e Europa deixaron o público completamente exposto e sen preparación para enfrontarse a unha crise de saúde pública desta clase, malia que os sustos anteriormente provocados polo SARS e o ébola deron avisos máis que suficientes, así como leccións contundentes sobre o que debía facerse”.

“Quizais sexa sintomático disto que os países menos neoliberais, como a China ou Corea do Sur, sexan os máis eficaces no combate da pandemia”, conclúe Harvey, quen vincula a mortalidade provocada polo coronavirus á debilidade dos sistemas de saúde.

comentarios