"Poucos datos e falta de transparencia" na axencia de detección de virus da UE

Sen colaboración dos Estados membros, sen recursos e sen competencias; e, ademais, facendo valoracións con base en datos dificilmente contrastábeis. A 'ombudsman' da UE publicou onte un informe crítico co papel do Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades nos meses iniciais da crise da Covid-19.
EuropaPress_3254702_grupopoliticacat_emily_oreilly_reelegida_defensora_poble_europeu
photo_camera O informe de Emily O'Reilly é parte dun estudo máis amplo sobre a resposta das institucións da UE (Foto: Parlamento Europeo)

A axencia sanitaria da UE está a funcionar cunha importante carencia de datos contrastábeis dos Estados membros sobre a pandemia da Covid-19 e ela mesma non é o suficientemente transparente a respecto dalgunhas das súas decisións. Iso é o que sostén a Valedora do Pobo da UE, a irlandesa Emily O'Reilly, que onte fixo público un informe coas investigacións levadas a cabo durante seis meses sobre a actuación do Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC, nas siglas en inglés) durante a actual crise. 

Para O'Reilly cómpre un maior control público e coñecemento do traballo que realiza esta axencia, especialmente no proceso en marcha de distribución das vacinas contra a Covid. Tamén incide noutra cuestión importante: a necesidade de que se lexisle para outorgarlle maiores competencias e mellorar a súa capacidade de xestionar no futuro crises de saúde pública similares.

"O mandato do ECDC prohíbelle a recollida de datos de forma independente, limitando significativamente desta maneira a súa capacidade de avaliar, aconsellar e comunicar nun momento en que a velocidade de resposta era crucial", apunta a ombudsman europea. "Con demasiada frecuencia, as autoridades nacionais resistíronse a facilitar datos completos ao ECDC ou nin sequera responderon ás súas demandas de datos importantes", critica no informe, onde ademais engade que "tampouco contou cunha serie completa de datos sobre hospitais e outros importantes recursos médicos dos Estados membros".

A investigación, centrada na fase inicial da crise sanitaria (de xaneiro a abril de 2020), é parte dun estudo máis amplo por parte da oficina da Valedora do Pobo sobre como responderon as institucións comunitarias á pandemia. Segundo esta, nun momento inicial, o ECDC emitiu valoracións positivas ─con data de 24 de xaneiro─ sobre a capacidade dos Estados membros para facer fronte á crise. Porén, "estas valoracións tornáronse axiña obsoletas cando a UE pasou da fase de 'contención' á de 'mitigación'".

Nunha entrevista hoxe pola mañá na televisión pública de Irlanda, RTÉ, O'Reilly criticou o "exceso de confianza" do ECDC nos datos do Centro para o Control de Enfermidades da China (CDC). O informe oficial recólleo así: en tanto que o CDC "estaba a informar de tan só un puñado de casos a mediados de xaneiro de 2020, prominentes expertos sanitarios manifestaban publicamente a súa preocupación a respecto dunha transmisión humano-humano a grande escala a 18 xaneiro, con probas (e clarividente consello) a 25 de xaneiro".

Desconfianza da sociedade

A respecto da transparencia, a investigación tamén detectou "fallas" nas prácticas do ECDC. "Non todos os inquéritos desenvolvidos nas fases iniciais da pandemia da Covid-19 foron feitos públicos", apunta o informe, publicado na web do organismo comunitario. "Tamén é difícil ver se as valoracións sobre aspectos da pandemia foron actualizados. A isto súmase que os intercambios con socios internacionais, por exemplo a chinesa CDC, non se fan públicos".

Para O'Reilly, "a transparencia e a rendición de contas deberían ser os alicerces dunha institución que ten o papel de protexer a saúde pública. Debería terse feito moito máis na comunicación coa opinión pública para explicar como e sobre que probas científicas o ECDC elaboraba as súas valoracións". 

"As crises non só requiren respostas extraordinarias por parte das administracións públicas, mais tamén esforzos extraordinarios para manter a confianza da xente. Agora que os Estados membros se embarcan nuns vitais programas de vacinación, esta confianza pública é esencial e o ECDC continuará a xogar un rol central reunindo e publicando información sobre o proceso de vacinación", apuntou.

E finalizou cunha reflexión: "Esta é unha crise sen precedentes, e recoñezo o duro traballo e a dedicación do ECDC durante todo este altamente complexo período. Mais sen novas competencias específicas para asegurar a exhaustividade e a calidade dos datos que recibe das autoridades nacionais, non pode cumprir completamente co mandato que ten de axudar a controlar a próxima pandemia. Isto é agora problema dos lexisladores da UE".

O Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades, unha axencia sen recursos

O ECDC creouse en 2004 tras o surto do SARS en 2002. Naquela altura, a Comisión Europea advertira que un "gran gromo como unha pandemia de gripe podería ter consecuencias catastróficas". Con base en Estocolmo (Suecia), conta só con 286 empregados e un orzamento anual limitado (60,5 millóns de euros en 2020). Nos EUA, por exemplo, o centro homólogo conta con 10.000 traballadores. Non é algo casual. O propio informe da Valedora do Pobo lembra que se estabeleceu para cumprir cun rol complementario ─de coordinación, recolección de datos e posta en común entre axencias estatais─, e non de liderado, a respecto da loita con enfermidades infecciosas transfronteirizas. Nun comunicado, a directora do ECDC, Andrea Ammon (na imaxe), valorou positivamente as propostas de futuro da Valedora.

Comentarios