MSF avisa dunha nova cepa de coronavirus que se está a propagar "axiña" por África

A ONG manifesta a indignación pola "desigual distribución" das vacinas contra a Covid-19 e acusa os países ricos de almacenalas.
covid_africa
photo_camera As instalacións sanitarias están ao bordo do colapso, sinala MSF (Foto: MSF)

Médicos Sen Fronteiras (MSF) avisou de que unha nova cepa altamente infecciosa da Covid-19 se está a propagar axiña por varios países do sur de África, polo que fixo un chamamento para que as vacinas se distribúan de forma equitativa, priorizando e protexendo o persoal sanitario de primeira liña e as persoas con maior risco de padecer a enfermidade nas súas formas máis graves.

"Estamos indignados pola desigual distribución que se está a facer das vacinas para a Covid-19 en todo o mundo. En tanto que moitos países ricos comezaron a vacinar os seus traballadores sanitarios e outros grupos hai case dous meses, países como Eswatini, Malaui e Moçambique, que tamén están a loitar para responder a esta pandemia, non recibiron nin unha soa dose da vacina para protexer as persoas máis expostas a contraer o virus, incluído o persoal sanitario de primeira liña", dixo a directora de operacións de MSF, Christine Jamet.

En Eswatini, un país de 1,1 millóns de habitantes, a finais de xaneiro estábanse rexistrando máis de 200 novos casos cada día e a media de mortes diaria é aproximadamente catro veces máis alta que a rexistrada durante a primeira vaga. Coas instalacións sanitarias ao bordo do colapso, os equipos de MSF instalaron centros de tratamento en hospitais de campaña.

En Moçambique, o número de casos diarios é case sete veces maior que no pico da primeira vaga. "O persoal sanitario estase a contaxiar e a enfermar e os que aínda están a traballar están esgotados", sinalou a coordinadora xeral de MSF, Natalia Tamayo Antabak.

En Malaui, os novos casos aumentaron exponencialmente durante xaneiro, duplicándose cada catro ou cinco días. Só en xaneiro de 2021 se rexistraron case tres veces máis casos positivos que en todo 2020. O número total de mortes tamén se multiplicou por catro nun só mes: de 189 que había contabilizadas a día 31 de decembro a 702 o pasado 31 de xaneiro.

Países ricos

Desde MSF denunciouse que mentres estes países fican sen vacinas, os Gobernos dos Estados máis ricos estanas a acumular coa intención de inocular máis aló dos grupos prioritarios.

"Sería indefendíbel que algúns países comezasen a vacinar os seus cidadáns con menor risco mentres moitos países de África aínda están agardando para poder vacinar os seus traballadores sanitarios de primeira liña. Isto vai totalmente en contra do marco de asignación equitativa da OMS", sinalaron. 

Comentarios