De Trump a Biden: Mudanzas e constantes na política internacional dos EUA

As dúas primeiras semanas de Joe Biden na Casa Branca trouxeron importantes cambios no eido diplomático a respecto do seu predecesor, que se resumen no desexo expresado polo novo presidente de recuperar o liderado mundial dos EUA. Pau e cenoria, multilareralismo e Exército, serán as súas ferramentas.
EuropaPress_3527310_january_20_2021_washington_dc_united_states_former_president_barack_obama
photo_camera As políticas de Biden seguirán liñas similares ás de Obama (Foto: Europa Press)

Tres grandes tradicións de pensamento engloban as múltiples correntes na política internacional. Diferéncianse unhas das outras na forma en que conciben a sociedade en termos de soberanía, diplomacia, guerra e lei. O británico Martin Wight (1913-1972) chamounas realismo, racionalismo e revolucionismo, mais tamén son coñecidas polos filósofos que as inspiran: hobbesiana (ou maquiaveliana), grociana e kantiana. 

Mentres que o revolucionismo aspira a unha auténtica sociedade internacional, de cooperación entre individuos e pobos, para as outras dúas correntes o Estado é a unidade chave e céntranse no aquí e agora. O fin dos realistas é maximizar o poder e ven o resto de Estados como competidores, polo que a seguridade é un concepto central, e o interese nacional guía as políticas. Donald Trump e os seus "America First" e "Make America Great Again" entrarían neste paradigma, onde ademais a moral é líquida, depende do momento e do lugar e, como recolle O Príncipe de Maquiavelo, "a prudencia é o único límite moral".

Joe Biden non é hobbesiano. Porén, tampouco é kantiano. As súas medidas en política internacional nos primeiros 15 días  como presidente dos EUA van na liña do debuxado polos seus antecesores do Partido Demócrata no cargo, principalmente Barack Obama, con quen foi vicepresidente. A nova Casa Branca responde á tradición inspirada en Hugo de Groot, a racionalista, que o propio Wight identificaba como "a visión do establishment internacional".

O racionalismo considera que a humanidade comparte uns mínimos intereses comúns, polo que a negociación é a dinámica predominante e ponse énfase nos tratados, nas normas e nas institucións internacionais. Acredítase no multilateralismo do que se arredou Trump. Biden, no primeiro día no cargo, asinou dúas decisións simbólicas neste sentido: o reingreso na OMS, onde EUA se comprometeu a colaborar coa iniciativa Covax para levar vacinas da Covid aos países menos desenvolvidos; e o regreso ao Acordo de París ─tamén no marco da ONU─ contra o cambio climático.

A crenza na negociación levouno o 26 de xaneiro a anunciar o restabelecemento dos programas de asistencia a Palestina así como retomar os contactos diplomáticos, algo que se concretou esta mesma semana cunha xuntanza dun alto cargo do Goberno palestino con Hady Amr, responsábel do Goberno dos EUA para asuntos palestinos e israelís. Case ao mesmo tempo, o Goberno israelí de Benjamin Netanyahu ─que ten unha concepción hobbesiana da política─ respondía coa demolición dunha aldea en Cisxordania que daba vivenda a 61 palestinos.

Rusia, vello inimigo

Porque o intervencionismo é característico da tradición racionalista que encarnan os Gobernos demócratas. Moeda, porén, de dúas caras: diplomática e militar. "EUA está de volta", sinalaba na quinta feira Biden nun discurso á comunidade internacional. Alí remarcou o desexo de liderar a diplomacia global, que no caso dos EUA esténdese a través do maior Exército do mundo. Así foi que mandou un duro mensaxe a Rusia.

Tras felicitarse pola prórroga do tratado Start, sinalou: "Deixei claro ao presidente [de Rusia, Vladimir] Putin, dunha forma moi diferente ao meu predecesor, que os días en que os EUA pasaban por alto as accións agresivas de Rusia, interferindo coas nosas eleccións, con ciberataques, envelenando cidadáns [en referencia ao caso do opositor ruso, Aleksei Navalni], acabáronse". Os mandatarios falaron a semana pasada. 

As duras palabras foron acompañadas de feitos. Biden paralizou a retirada dos 12.000 militares estadounidenses despregados en Alemaña, un dos principais continxentes canda ao do Xapón, estratéxico desde o final da II Guerra Mundial no enfrontamento coa URSS. A decisión é tamén unha declaración de intencións de cara ao reforzamento da OTAN que Trump cualificou de "obsoleta". 

Un Trump que chegou á Casa Branca prometendo acabar "coas guerras sen fin" de Obama non foi, porén, menos belixerante. Segundo un recente estudo do proxecto "Os Custos da Guerra" da Universidade Brown, "o número de civís asasinados en ataques aéreos internacionais incrementouse arredor de 330% desde 2016, o derradeiro ano do Goberno Obama, a 2019".

Trump tamén bateu récords de bombardeos e mortes en Siria e no Iraq, de acordo cos datos recollidos por Los Angeles Times. Biden anunciou a retirada do apoio a Arabia Saudí na guerra do Iemen, onde durante os catro anos de Trump morreron bombardeados 154 civís, incluídos polo menos 28 crianzas, nun total de 230 ataques (o dobre que nos oito anos de Obama), segundo un informe recollido por The Washington Post entre outros medios.

Nunha reportaxe de maio pasado, The New York Times argumentaba que Trump ─na máis pura liña hobbesiana─ vía nestes conflitos bélicos unha forma de xerar postos de traballos na industria armamentística dentro dos EUA. Con Biden a maquinaria militar non parará, mais de acordo coas súas primeiras medidas haberá un maior balance entre os chamados poder duro (a coerción) e poder brando (a atracción).

Latinoamérica seguirá como 'patio traseiro' 

Onde Joe Biden si que se manterá a liña de Donald Trump é noutras importantes frontes, a principal China. O novo presidente manifestou en diversas ocasións que manterá a firmeza coa potencia asiática, que demócratas e republicanos ven como ameaza nunha nova Guerra Fría. Tamén a respecto de Latinoamérica parece que pouco mudará. No seu discurso da quinta feira, Biden apenas fixo referencia á rexión, tradicionalmente considerada o 'patio traseiro' dos EUA desde que en 1823 se enunciou a Doutrina Monroe (o principio da política exterior dos EUA de non permitir a intervención das potencias europeas nos asuntos internos dos países do hemisferio americano). En Cuba agardan movementos que dean marcha atrás a catro anos de duras relacións, e a respecto de Venezuela, o Goberno Biden mantén que o presidente Nicolás Maduro é un "ditador".

Comentarios