Xustiza

PSOE e PP acordan iniciar conversas coa mediación da Comisión Europea para renovar o Poder Xudicial

Reformarase a Constitución para eliminar o termo “diminuído”, en alusión ás persoas con diversidade funcional.
Sánchez e Feixoo, hoxe. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Sánchez e Feixoo, hoxe. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Na primeira xuntanza desta lexislatura entre o líder da oposición e do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, e o presidente español e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, ambos os dous pactaron hoxe o comezo das negociacións para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), que leva máis de cinco anos actuando en funcións, un tempo superior á duración do seu mandato, polo bloqueo dos conservadores, que deste xeito mantiveron o control do órgano de goberno das e dos xuíces a pesar de que saíron do Executivo estatal hai máis dun lustro.

Amais, segundo explicou Feixoo, acordouse que en paralelo á remuda do CXPX, que require do apoio de tres quintos do lexislativo, tamén se abordará unha reforma da norma que regula o proceso de renovación. Pola súa parte, Sánchez aceptou a proposta do conservador de que o proceso conte coa supervisión da Comisión Europea, que mediará entre as dúas formacións.

A voceira do Gabinete estatal, Pilar Alegría, incidiu en que recuperar a “normalidade institucional” no CXPX sería “unha boa nova” tras “imposibilitar” o PP a súa renovación, destacando que é un bo comezo que o Executivo da Unión Europea (UE) “exerza ese papel de mediador e verificador”.

O PP designou como o seu interlocutor nas negociacións ao vicesecretario de asuntos institucionais, Esteban González Pons, mentres que o PSOE encargou esa tarefa ao ministro de Xustiza, Félix Bolaños. No que atinxe á Comisión Europea, Feixoo pediu que o responsábel da mediación sexa o comisario de Xustiza, o conservador Didier Reynders, e trasladou que xa tenteara a dispoñibilidade da entidade para asumir esa responsabilidade antes de lanzar a proposta.

Fontes do CXPX transmitiron a medios estatais a división no órgano polo anuncio, cunha parte significativa indicando que non servirá para desbloquear a situación, despois de que o PP rachara múltiples veces as conversas co PSOE sobre esta cuestión nestes anos.

Fin ao termo "diminuídos" na Carta Magna

O outro tema no que se produciu un entendemento no encontro foi na reforma do artigo 49 da Constitución española, que menciona o termo “diminuído” en alusión ás persoas con diversidade funcional. Ao respecto, presentarán antes do 31 de decembro unha proposición de lei conxunta para modificar ese apartado.

Sobre a amnistía, Feixoo reiterou que demandou a Sánchez a paralización da tramitación da norma, así como que non apoie a moción de censura que dará á Alcaldía de Iruña a EH Bildu, o que rexeitou o presidente.

Comentarios