Catalunya

Os xuíces conservadores (en funcións) nomeados polo PP tratan de entorpecer a amnistía desde o CXPX

Malia descoñeceren aínda o texto da futura lei, os vogais conservadores dan por feito que terá efectos de "degradación" para o país, "cando non de abolición do Estado de Dereito en España".
O presidente do CXPX, Vicente Guilarte. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente do CXPX, Vicente Guilarte. (Foto: Europa Press)

Oito vocais conservadores do Consello Xeral do Poder Xudicial veñen de demandar ao presidente Vicente Guilarte a convocatoria dun pleno extraordinario para mostrar o seu rexeitamento á futura Lei de amnistía que beneficiará os promotores e partícipes no procés de independencia de Catalunya. Os conselleiros que cursaron a solicitude son Carmen Llombart, José Antonio Ballestero, Francisco Gerardo Martínez-Tristán, Juan Manuel Fernández, Juan Martínez Moya, José María Macías, Nuria Díaz Abad e María Ángeles Carmona, todos nomeados a proposta do Partido Popular.

Segundo fontes do CXPX, está previsto que rexistren a petición esta quinta feira e que o pleno decorra a vindeira segunda feira. A data exacta dependerá da decisión que adopte o presidente interino do órgano de goberno dos xuíces, cuxos membros cumprirán o próximo mes de decembro cinco anos co mandato caducado. Os oito vocais citados piden reunir o pleno para debater unha declaración institucional contra a norma que o PSOE está a ultimar con ERC e Junts, no marco das negociacións para a investidura de Pedro Sánchez como presidente o Goberno.

Malia descoñeceren aínda o texto da futura lei, os vogais conservadores dan por feito que terá efectos de "degradación" para o país, "cando non de abolición do Estado de Dereito en España". Engaden que cando se aplique a amnistía aos procesados polo procés, o Estado de Dereito "pasará a ser unha mera proclama formal que inevitabelmente terá que producir consecuencias en prexuízo do interese real de España". No seu escrito, os vogais conservadores observan "con crecente preocupación" as declaracións que sobre esta medida realizaron os partidos independentistas nas últimas semanas.

Aliás, expresan o seu temor a que esta afecte non só aos acontecementos relacionados co referendo de 2017 senón tamén a outros anteriores, entre os que habería "delitos de corrupción", e tamén posteriores, labores "para oporse á acción lexítima do Estado para levar os seus autores ante a xustiza". Segundo detallan, optaron por manter unha "actitude de prudente expectativa" mentres esas declaracións non foron apoiadas polo presidente do Goberno en funcións pero, tras as declaracións de Sánchez o pasado sábado ante o Comité Federal do PSOE, confesando que a amnistía é necesaria para lograr apoios á súa investidura, consideran necesario un pronunciamento do CXPX.

Constatar a opinión do CXPX

Se a iniciativa se presentase a través dun proxecto do lei do Goberno sería obrigatorio solicitar informe do CXPX pero, como se vai a tramitar mediante unha proposición de lei dos grupos parlamentarios, este informe non será necesario. Por iso os vogais exixen un pleno extraordinario para deixar clara a opinión do Consello. Os asinantes do escrito denuncian expresamente que a lei se vaia a pactar con partidos como Junts, "dirixido por un prófugo da xustiza que se beneficiará persoalmente da medida", en referencia ao ex presidente Carles Puigdemont.

Ademais, cargan contra Sánchez por argumentar que a amnistía se adoptará en "interese de España" para "impedir un eventual goberno de partidos de dereita no caso de que houbese repetición electoral". "Confundir o 'interese de España' co interese do presidente do Goberno en funcións para evitar a hipotética formación de gobernos de partidos dunha ideoloxía diferente á súa é algo manifestamente incompatíbel coa alternancia política", afirman.

"É inconstitucional"

Neste contexto, aspiran a que o pleno do CXPX deixe clara a inconstitucionalidade da amnistía, debido a que, apuntan, iría en contra do principio básico do pluralismo político. Tamén recalcan que exceptuar "a aplicación da lei para impedir a acción en curso dos tribunais ou deixar sen efecto a que xa se produciu mediante sentenzas firmes, convertendo en papel mollado esas sentenzas, é algo rotundamente incompatíbel co principio de Estado de Dereito no que se quixo constituír España e efectivamente constituíuse... polo menos ata o de agora".

Para estes vogais, "non é compatíbel" co principio de Estado de Dereito nin co de responsabilidade dos poderes públicos "que os responsábeis políticos queden exentos de responder dos seus delitos ante os tribunais", calquera que sexa a súa natureza "para que un aspirante a Presidente do Goberno poida conseguir o beneficio persoal e político de impedir o goberno doutras forzas políticas ou, expresado polo seu reverso, para poder manterse no goberno". "Iso supón degradar e converter o noso Estado de Dereito en obxecto de mercadeo ao servizo do interese persoal", agregan, antes de engadir que coa amnistía xeraríase unha "caste xuridicamente irresponsábel e impune polos seus delitos" que contraviría "o máis elemental principio de igualdade dos cidadáns ante a lei".

Tratado da UE

Ademais, sinalan que con esta medida "se violentaría" a independencia dos tribunais "no seu aspecto máis básico". "Mal pode falarse de independencia nin de seguridade xurídica cando unhas forzas políticas utilizan as leis no seu beneficio para impedir a acción dos tribunais", destacan. Ao seu xuízo, "a enormidade das consecuencias" do anunciado por Sánchez "é que converte a independencia dos tribunais e a seguridade xurídica, a xustiza en suma, nunha quimera".

Por último, advirten de que a amnistía non só violenta a Constitución senón tamén os artigos 2 e 19 do Tratado da Unión Europea "para que en todo momento prevalezan os principios de Estado de dereito e independencia xudicial". "O risco de que chegue o momento no que a Unión Europea decida non ser a coartada dun Estado que non cumpre cos seus principios debese estar moi presente, neste momento crítico, na previsión de quen pretenda realmente actuar no 'interese de España'", conclúe o escrito dos vogais.

ERC avanza que afectará "todos os represaliados políticos"

A Lei de amnistía que o PSOE pactou con ERC e Junts de cara á investidura de Pedro Sánchez inclúe "todos os represaliados políticos" con causas penais, civís, contábeis e administrativas relacionadas co procés soberanista catalán, asegura a formación política a través dun comunicado após ratificar esta terza feira o acordo cos socialistas.

Tras a chamada entre o president da Generalitat, o republicano Pere Aragonès, e o presidente do Goberno español en funcións e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, desbloqueouse o acordo sobre a amnistía. Segundo Esquerra, mantéñense abertas as negociacións sobre a "resolución do conflito político e o benestar da xente", que inclúe o traspaso integral do servizo ferroviario de Rodalies e corrixir o déficit fiscal España-Catalunya.

ERC asegura que foi "a estratexia negociadora iniciada nos últimos anos" o que permitiu abordar unha lei "que é un paso necesario, o punto de partida, para unha nova fase negociadora que ten que abordar a resolución do conflito político entre Catalunya e o Estado español". Aragonès e o seu Govern continuarán traballando "para facer posíbel a resolución do conflito en clave de recoñecemento nacional e de autodeterminación, e para avanzar na consecución de máis cotas de progreso social e económico para o conxunto da cidadanía dos Països Catalans".

O documento, que o Partido Socialista espera rexistrar cedo no Congreso para o seu debate e toma en consideración, contaría tamén co aval de Junts, pois o secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, reuniuse esta pasada segunda feira en Bruxelas co ex president catalán e líder da formación, Carles Puigdemont, nun encontro co que se constatou que as negociacións avanzan "na boa dirección".

Comentarios