Sánchez acepta as condicións de Feixoo para o seu primeiro encontro: "Para vostede a 'perra gorda'"

O PP non quere tratar no encontro a remuda do Poder Xudicial.
O presidente español, Pedro Sánchez, hoxe no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente español, Pedro Sánchez, hoxe no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Máis dunha semana despois de que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez (PSOE), remitira ao líder da oposición e do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, tres datas diferentes para concertar a súa primeira xuntanza da lexislatura, o conservador emitiu finalmente hoxe unha resposta, forzando que o encontro desta sexta feira decorra no Congreso, unha negativa a acudir á Moncloa que Sánchez recalcou que é “inédita”.

"Para vostede a perra gorda", dixo Sánchez. Así o indicou Sánchez na súa quenda de réplica durante a súa comparecencia na Cámara Baixa, para dar explicacións sobre os resultados da presidencia española do Consello da UE e os últimos consellos europeos. "Vémonos esta sexta feira no Congreso dos Deputados e falaremos do que vostede queira", sinalou.

Ao comezo da sesión plenaria de hoxe, Sánchez insistiu a Feixoo que aceptase a reunión e díxolle que se verían "onde sexa". Unhas palabras que o popular aproveitou para proper que a reunión entre ambos fose no Congreso. Sánchez afeou esta proposta porque pensa que é "xogar ao escondite", mais decidiu aceptar a condición. "Non desisto a que nun futuro vostede veña ao Palacio da Moncloa e poida recibilo eu como xefe da oposición", indicou a continuación.

Asemade, na lista de asuntos que o PP reclama abordar na reunión non están dous dos tres que para o mandatario xustificaban a convocatoria, a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial que o PP bloquea hai máis de cinco anos e o sistema de financiamento autonómico.

Pola súa parte, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Junts reclamaron ao PSOE explicacións por rexeitar a comparecencia de xuíces e xuízas do Tribunal Supremo e da Audiencia Nacional nas comisións de investigación no lexislativo nas que se estudará o lawfare, a utilización do sistema xudicial para perseguir o independentismo catalán.

Comentarios