O PSOE desbanca a dereita en Iruña... mais reitera a súa negativa a apoiar EH Bildu en Euskadi

"Veño moito tempo dicindo que o PSE-EE non vai facer lehendakari un candidato de Euskal Herria Bildu. Ratifícome nesa afirmación e é unha afirmación que desde logo o PSE levará até o final", reitera o líder dos socialistas vascos, Eneko Andueza.
O secretario xeral do PSE-EE, Eneko Andueza, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSE-EE, Eneko Andueza, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do PSE-EE, Eneko Andueza, asegurou esta cuarta feira que o acordo entre EH Bildu, PSN, Geroa Bai e Contigo-Zurekin para presentar unha moción de censura contra a alcaldesa de Pamplona, Cristina Ibarrola (UPN), "circunscríbese a unha cuestión local", e ratificou que o seu partido "non vai facer" lehendakari un candidato de Bildu. "É unha cuestión que corresponde aos compañeiros e compañeiras do Partido Socialista de Navarra que tomaron esa decisión", matizou en declaracións aos medios en Irun, onde asistiu á proclamación de Cristina Laborda como nova alcaldesa da cidade guipuscoana.

Andueza foi rotundo e descartou que este pacto ilustre o futuro das próximas eleccións vascas: "Veño moito tempo dicindo que o PSE-EE non vai facer lehendakari un candidato de Euskal Herria Bildu. Ratifícome nesa afirmación e é unha afirmación que desde logo o PSE levará até o final. Todo o que supón tomar decisións en relación ao futuro de Euskadi, tómanse en Euskadi e será o Partido Socialista de Euskadi quen as tome". O soberanista Joseba Asiron será elixido alcalde —cargo que xa ostentou entre 2015 e 2019— o vindeiro 28 de decembro.

"Eu coñezo moi ben a realidade de Iruña, porque me toca no familiar, e podo dicir que, evidentemente, o Concello estaba sumido nunha parálise absoluta", asegurou o dirixente do PSE, á vez que engadiu que el non está "nesa tesitura" nin é quen para tomar decisións en relación a cuestións que non lle "competen". Preguntado por se este pacto non vale para o Euskadi, Andueza afirmou que alí o PSE-EE tomará "as decisións que teña que tomar cando chegue o momento", pero reiterou insistentemente que "non vai facer lehendakari o candidato de EH Bildu", Pello Otxandiano.

Nesa liña, lembrou que o PSE "vén chegando a acordos puntuais en orzamentos e en proxectos estratéxicos en moitas cidades con EH Bildu e con outras forzas políticas, tamén co PNV, con Elkarrekin Podemos, co PP, como eses partidos tamén fan connosco, e con EH Bildu noutras institucións como o Parlamento Vasco ou as Xuntas Xerais", recalcou.

Acordo e diálogo

O secretario xeral dos socialistas vascos defendeu que o acordo "sempre é importante, sobre todo cando vén entre diferentes e contribúen a mellorar a calidade de vida da cidadanía", e asegurou que o PSE "sempre vai estar nesa dinámica porque esa cuestión, esa capacidade de chegar a acordos a través do diálogo e da procura de melloras para seguir avanzando, é algo que forma parte do ADN dos socialistas vascos".

Eneko Andueza, cuestionado polo "auxe" da coalición soberanista, apuntou que "as enquisas ultimamente están máis dirixidas a influír na opinión pública e a xerar escenarios que o que despois resulta ser a realidade" e lembrou que as enquisas que se fixeron na previa ás últimas eleccións xerais no Estado español "en ningún caso daban como vencedor o PSE e en Euskadi", e, porén, "quen gañou as eleccións xerais foi o PSE".

Por tanto, apostou por "deixar que a cidadanía fale" e que, segundo dixo, "nos sitúe a cada quen no sitio que merecemos". "E, a partir de aí, abrir un escenario de negociación con aqueles cos que podamos ter coincidencias programáticas", concluíu Andueza.

Comentarios