O Poder Xudicial español leva o mesmo tempo caducado que co mandato en vigor

O PP controlou o CXPX 22 dos últimos 27 anos grazas aos bloqueos.
O presidente do Poder Xudicial, Vicente Guilarte, co ministro de Xustiza, Félix Bolaños, a finais de novembro. (Foto: CXPX)
photo_camera O presidente do Poder Xudicial, Vicente Guilarte, co ministro de Xustiza, Félix Bolaños, a finais de novembro. (Foto: CXPX)

Hoxe fixéronse cinco anos desde que o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) español rematou o seu mandato, que ten unha duración dun lustro, grazas ao bloqueo da súa renovación por parte do Partido Popular (PP), cuxos votos no lexislativo son precisos para un pacto co PSOE que permita anovar a composición do CXPX.

A pesar de que a Constitución española obriga a que a súa remuda se produza á fin dos cinco anos, non é a primeira vez que os conservadores bloquean a súa renovación para garantir que se manteña unha maioría de maxistradas e maxistrados conservadores no seo da institución.

Este control é especialmente relevante cando se xulgan distintos casos de corrupción da formación.

Bloqueos reiterados

Nos últimos 27 anos xuíces e xuízas vinculadas ao PP controlaron o órgano 22 exercicios, evitando que as maiorías parlamentarias lideradas polo PSOE acabaran por traducirse nun repartimento acorde no órgano de Goberno das e dos maxistrados.

Sánchez acusa o PP de 'lawfare'

O presidente español, Pedro Sánchez (PSOE), acusou o PP de lawfare, o uso do sistema xudicial para perseguir opoñentes políticos, e de ter “secuestrado” o CXPX. Nese sentido, indicou que se porá en contacto con Alberto Núñez Feixoo, líder da oposición estatal e do PP, para tratar de avanzar na renovación.

Porén, o voceiro dos conservadores, Borja Sémper, exixiu unha reforma da Lei orgánica do Poder Xudicial para que as e os xuíces elixan o CXPX, unha das distintas xustificacións empregadas polo PP nos últimos anos para evitar negociar co PSOE arredor desta cuestión.

Comentarios