A Lei de amnistía supera o primeiro trámite no Congreso

O Pleno aproba a tramitación de urxencia da norma con 178 votos a favor, os das forzas que permitiron a investidura de Pedro Sánchez agás CC.

Patxi López (PSOE), Alberto Núñez Feixoo (PP), Néstor Rego (BNG), Aina Vidal (Sumar), Gabriel Rufián (ERC) e Cervera (Junts), esta terza feira, no Congreso. (Fotos: Eduardo Parra e Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera Patxi López (PSOE), Alberto Núñez Feixoo (PP), Néstor Rego (BNG), Aina Vidal (Sumar), Gabriel Rufián (ERC) e Josep Maria Cervera (Junts), esta terza feira, no Congreso. (Fotos: Eduardo Parra e Carlos Luján / Europa Press)

O Proxecto de lei orgánica de amnistía pasou hoxe o seu primeiro trámite no Pleno do Congreso español, a toma en consideración da proposta, que se tramitará de urxencia, grazas aos 178 votos a favor de PSOE, Sumar, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Junts, EH Bildu, Partido Nacionalista Vasco (PNV), Podemos e o Bloque Nacionalista Galego (BNG), e con 172 votos en contra, os do Partido Popular (PP), Vox, Unión del Pueblo Navarro (UPN) e Coalición Canaria (CC).

Tras a toma en consideración do primeiro proxecto de lei da lexislatura ábrese o período de presentación de emendas, nunha xornada na que tamén foi aprobada a creación de tres comisións de investigación pactadas entre o PSOE e as forzas catalás, sobre a 'Operación Catalunya', o caso Pegasus e os atentados xihadistas de 2017 en Catalunya.

No debate, o portavoz do PSOE, Patxi López, defendeu a norma que a forza estatal rexistrou tras os acordos de investidura con ERC e Junts, afirmando que aspiran a “cambiar o guión e saír dun enfrontamento infinito e sen solución”, en alusión ao proceso de autodeterminación catalán. Asemade, salientou que “buscamos garantir a convivencia”, o principal argumento utilizado polo PSOE para xustificar o texto.

Pola súa parte, o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, definiuna como unha “fraude” e subliñou que é a sesión no lexislativo “máis triste desde o 23-F”, a data do intento de golpe de Estado en 1981. O presidente da ultraespañolista Vox, Santiago Abascal, aproveitou a súa quenda para atacar Feixoo por condenar unhas declaracións anteriores nas que sinalara que “haberá un momento no que o pobo quererá colgar dos pés Pedro Sánchez”, polas que o PSOE anunciou que se querelará contra el acusándoo dun delito de odio e incitación á violencia.

Dirixíndose ao líder conservador, a representante de Sumar Aina Vidal destacou que a amnistía é unha proposta para o “beneficio común” e puxo como exemplo de “xornadas tristes” no lexislativo a votación para activar o artigo 155 da Constitución en 2017, que suspendeu a autonomía de Catalunya logo do referendo de independencia.

Na súa rolda, o voceiro de ERC, Gabriel Rufián, criticou a Feixoo que “a hipérbole cansa e fai dano ao seu país”, cuestionando que a considere unha fraude ao ter “o apoio da maioría do Congreso”. “É de primeiro de democracia”, resolveu. Ao tempo, indicou que a amnistía “salda unha débeda con Catalunya”. Josep Maria Cervera, de Junts, asegurou que a norma é o “recoñecemento ao erro de ter xudicializado un conflito político”, facendo fincapé en que non supón “en ningún caso” unha “renuncia á independencia de Catalunya”.

Arredor desta cuestión, Jon Iñarritu, de EH Bildu, recalcou que a lei de amnistía será “unha das máis importantes da lexislatura e dos próximos anos”, e Mikel Legarda, do PNV, ratificou que a lei non pon “en risco o Estado de dereito nin a separación de poderes”, como reitera a dereita e a extrema dereita.

BNG

O representante do BNG, Néstor Rego, reafirmou que supón “un paso democrático na desxudicialización da vida política” e lembrou que a forza nacionalista xa denunciara en 2017 que a aplicación do artigo 155 era un “profundo erro político” que “certificou o carácter autoritario e centralista do Estado español” e do Goberno de Mariano Raxoi, do PP, formación á que culpou por oporse e até levar ao Tribunal Constitucional normas como a do divorcio, o aborto ou o matrimonio igualitario.

Comentarios