Protexer a biodiversidade para salvarnos

A vida no Planeta estase a tornar cada vez máis complicada. O progreso sen freo do ser humano está a restar espazos ás especies salvaxes, co risco de que esta usurpación se revolva e faga a estadía na Terra case imposíbel. Son retos que a partir de hoxe analizará o Congreso cuadrienal da IUCN, por primeira vez con voz e voto dos pobos indíxenas.

especies_perigo_extincion_iucn
photo_camera Algunhas das especies animais incluídas na Lista Vermenlla da IUCN, que tamén contén plantas e fungos. 28% do total están ameazadas (Foto: IUCN)

A contaminación, o cambio climático, a perda de biodiversidade, a propagación de enfermidades procedentes de animais... Son todas ameazas serias, reais e presentes que poñen en perigo a vida do ser humano no Planeta. Retos que non poden ser entendidos ou afrontados por separado. 

Isto é o que defende a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN, nas siglas en inglés), máis coñecida para o gran público por ser a organización que elabora a "lista vermella" de especies en perigo de extinción. 

O Congreso que cada catro anos reúne miles de científicos e expertos ambientalistas, centos de organizacións e ducias de organismos gobernamentais bota a andar hoxe na cidade francesa de Marsella. A cita estaba prevista para o ano pasado, mais a pandemia da Covid-19 obrigou a adiala a este 2021. O último tivo lugar en Hawaii en 2016.

Até o próximo 11 de setembro desenvolveranse diferentes foros temáticos para a análise, o debate e a toma de decisións co fin de estabelecer unha estratexia colectiva para protexer a flora e a fauna en risco de desaparecer. De aquí sairán mocións e recomendacións dirixidas aos Estados e aos organismos internacionais para mobilizar fondos e vontades no obxectivo de protexer a natureza a nivel global.

Representación indíxena

Destes debates e toma de decisións participarán por vez primeira nos 73 anos de historia da IUCN os pobos indíxenas, con voz e voto de seu. Un total de 23 organizacións que representan os pobos orixinarios de todos os continentes estarán na Asemblea Xeral desta edición. A súa visión ten especial valor, sendo considerados pola ONU como a liña de vangarda do ambientalismo.  

Segundo un informe de ICCA Consortium, organización que avoga por que as comunidades locais sexan as que lideren as políticas en conservación, 21% da Terra permanece ecoloxicamente intacta grazas ás prácticas indíxenas de integración coa natureza. 

No Congreso da IUCN que hoxe comeza terase en conta por primeira vez a súa experiencia de maneira oficial. Unha das propostas que será presentada é a de alcanzar un pacto global para que 80% da Amazonía estea baixo protección en 2025. 

As decisións que se adopten durante esta semana obviamente non son vinculantes, mais terán unha grande influencia nas cimeiras vindeiras da ONU sobre biodiversidade, cambio climático ou alimentación. Anteriores congresos lograron, por exemplo, que se asinasen tratados internacionais sobre o comercio de especies ameazadas. "Este traballo non é un esprinte, é unha maratón", afirman desde a IUCN. 

28% das especies, en perigo

Desde que en 1964 estabeleceu a Lista Vermella de Especies Ameazadas, a IUCN conseguiu analizar máis de 134.400 entre animais, plantas e fungos. Destas, arredor de 28% está actualmente en risco de extinción pola perda de hábitat, a sobreexplotación ou o tráfico ilegal. 

Cunha poboación humana que ao ritmo actual alcanzará 9.000 millóns de persoas en 2050, o espazo para a fauna salvaxe será mínimo, con especies desaparecendo e outras compartindo espazos con humanos. Para entón, as zoonoses ─enfermidades propias dos animais vertebrados que poden ser transmitidas ás persoas, como a Covid-19─ serán cada vez máis frecuentes e perigosas

O carballo, unha das especies arbóreas máis ameazadas

Case un terzo (17.500) das especies arbóreas do Planeta (60.000) está en risco de extinción, segundo o informe publicado esta semana pola Botanic Gardens Conservation International (BGCI), organización integrada na IUCN. Ademais, 440 contan con menos de 50 individuos. Corren risco de desaparecer as magnolias (propias do Caribe e de Asia oriental) e as camelias (China, principalmente). Tamén, as do xénero Dipterocarpus (grandes e rexas árbores das selvas do sueste asiático). Varias especies de carballos en América e na China tamén están ameazadas. No país asiático, os pradairos, e en Madagascar, os ébanos, completan a lista das que corren maior risco. As árbores manteñen os ecosistemas naturais e son vitais para combater o quecemento global. A extinción dunha especie pode desencadear a doutras moitas. 

Comentarios