O concepto de "Unha soa saúde", chave para evitar novas pandemias

Un estudo internacional atribúe a crecente tendencia das zoonoses en humanos á degradación do ambiente, xa sexa mediante a explotación da terra, a extracción de recursos, o cambio climático e outras formas de presión á natureza.

zoonotic_ILRI-Barbara Wieland
photo_camera Arredor de 75% das novas enfermidades infecciosas son zoonóticas e provocan millóns de mortes (Barbara Wieland / ILRI)

Ou os Gobernos toman medidas drásticas ou haberá novas pandemias. É a conclusión taxativa que se desprende do informe Previr a vindeira pandemia: Zoonoses e como rachar a cadea de transmisión, elaborado polo Programa da ONU para o Ambiente e o Instituto Internacional de Investigación Gandeira. 

"A ciencia deixou claro que, de seguirmos explotando a vida silvestre e destruíndo os nosos ecosistemas, nos vindeiros anos teremos un fluxo constante de enfermidades pasando de animais a humanos", dixo a directora executiva da axencia das Nacións Unidas, Inger Andersen.

O estudo atribúe a crecente tendencia das zoonoses en humanos á degradación do ambiente, xa sexa mediante a explotación da terra, a extracción de recursos, o cambio climático e outras formas de presión á natureza.

"As pandemias son devastadoras para as nosas vidas e economías e, como vimos nos últimos meses, quen máis a sofren son os máis pobres e vulnerábeis. Para evitar futuros brotes debemos protexer o ambiente de forma máis decidida", dixo Andersen.

Os sinais de saturación que emite o planeta son cada vez máis evidentes. Xa en 2016 o informe Fronteiras, elaborado por esta axencia da ONU, alertaba que as zoonoses ─enfermidades propias dos animais vertebrados que poden ser transmitidas ás persoas─ son "oportunistas" e "prosperan cando hai mudanzas no ambiente".

Arredor de 75% das novas enfermidades infecciosas son zoonóticas e provocan millóns de mortes anualmente. Entre estas, está a ocasionada polo SARS-CoV-2, mais tamén o zika, o ébola, o H1N1 ou o VIH.

A progresiva invasión de ecosistemas iniciada no século pasado e intensificada neste, con importantes alteracións do ambiente a través das talas e da grande industria agroalimentaria, levou o ser humano a un maior contacto cos animais salvaxes e a aumentar o risco de zoonoses. Ademais, destruíronse zonas de amortecemento naturais, que normalmente separan os humanos da vida silvestre.

Agricultura intensiva

Na presentación do informe actual, Inger Andersen salientou que "dous millóns de persoas en países con rendas baixas e medias morren anualmente por causa de enfermidades zoonóticas ignoradas, tales como ántrax, tuberculose bovina e rabia". Alén das causas tamén se incide nas consecuencias económicas: "Durante as dúas últimas dúas décadas e antes da Covid-19, as enfermidades zoonóticas causaron danos económicos de 100.000 millóns de dólares".

O elevado consumo de carne tamén está detrás da situación actual. A súa produción incrementouse 260% nos últimos 50 anos. "Intensificamos a agricultura, expandimos as infraestruturas e extraemos recursos á conta dos nosos espazos salvaxes", sinalou Andersen.

"Os encoros, os sistemas de rego e as granxas industriais están vinculadas con 25% das enfermidades infecciosas en humanos. As viaxes, o transporte e as cadeas alimentarias borraron fronteiras e distancias. O cambio climático contribuíu á expansión dos patóxenos", explicou.

One Health

Entre as recomendacións para mudar a situación, o informe salienta o concepto One Health ("Unha Soa Saúde"), unha estratexia mundial para aumentar a comunicación e a colaboración interdisciplinar no coidado da saúde das persoas, os animais e o ambiente, entendendo que todas están ligadas entre si. 

Comentarios