300.000 persoas rexeitan en París a suba da idade de xubilación

Decorreu a 14ª xornada de mobilización xeral contra a reforma das pensións en Francia, que incrementa até os 64 anos a idade de xubilación.
Manifestación a terza feira en París. (Foto: La France Insoumise)
photo_camera Manifestación a terza feira en París. (Foto: La France Insoumise)

A 14ª xornada de mobilización xeral en Francia contra a reforma das pensións aprobada polo presidente Emmanuel Macron, que sumou até 250 concentracións ao longo do territorio, xuntou a terza feira en París máis de 300.000 persoas, destacou a Confederación Xeral do Traballo (CXT). O sindicato informou de que 900.000 persoas saíron á rúa en todo o Estado, unha cifra que o Ministerio de Interior reduciu a 281.000.

A pesar de que as cifras son menores que en convocatorias anteriores, as forzas sindicais trasladaron que non implica “unha diminución na oposición a este proxecto”, que segundo os traballos demoscópicos rexeitan dúas de cada tres francesas e franceses, e fan fincapé en que tras seis meses de protestas moitas persoas “non poden darse o luxo de coller outro día de folga”.

Ademais de cortes de enerxía no sur de París, interrupcións no transporte e a cancelación de 400 voos só da compañía aérea Ryanair, membros da CXT entraron de forma breve na sede do comité responsábel da organización dos Xogos Olímpicos na capital francesa previstos para o verán de 2024.

En paralelo, a alcaldesa da cidade, Anne Hidalgo, salientou o seu apoio ao movemento recalcando que “brinda un exemplo, é pacífico e unido, os sindicatos lograron expresar os temas que os políticos, incluída a esquerda, non foron quen de levar ao debate público”.

A quinta feira, a Asemblea Nacional ten programado debater e votar unha proposta do centrista LIOT para anular a reforma das pensións, porén, Macron preme a presidenta do lexislativo, Yaël Braun-Pivet, para que impida cun recurso constitucional a tramitación da norma, o que para Sophie Binet, líder da CXT, sería “un escándalo democrático”, pondo o foco en que a tentativa de Macron amosa que Francia é un Estado “cada vez máis autoritario”.

Aínda que a Asemblea dea luz verde ao proxecto, Aurore Bergé, líder parlamentaria de Renacemento, a formación de Macron, anunciou que sería bloqueado no seu paso polas Cámaras, e incluso aínda que fose aprobado polo Senado os medios locais sinalan que o Consello Constitucional acabaría por censuralo.

"Unha das últimas xornadas de mobilización"

Neste sentido, Laurent Berger, que encabeza a Confederación Francesa Democrática do Traballo, considerou que as protestas da terza feira “non se tratan dun último cartucho”, mais admitiu que podería ser “unha das últimas xornadas de mobilización”.

Comentarios