Un informe conclúe que a Policía de Londres é racista, misóxina e homófoba

Solicita desmantelar a institución se a situación actual non mellora.
Axentes da Policía Metropolitana de Londres. (Foto: Gareth Fuller / PA Wire)
photo_camera Axentes da Policía Metropolitana de Londres. (Foto: Gareth Fuller / PA Wire)

A prensa británica desvelou esta terza feira un informe independente da funcionaria Louise Casey que aborda a situación da Policía Metropolitana de Londres, encargado pola institución en 2021 ao transcender o secuestro, violación e asasinato de Sarah Everard, unha moza vítima dun axente policial.

O documento conclúe que o corpo policial é, institucionalmente, racista, misóxino e homófobo, amais de corrupto, como afirmou unha investigación anterior que o texto reclamou ter en conta. A profunda deterioración na institución alcanzou cotas tan altas que o informe solicita desmantelala se a situación non mellora nestes ámbitos.

"Non é o noso traballo como público manternos a salvo da Policía, o traballo da Policía é manternos a salvo como público, demasiados londinienses perderon a fe na Policía", incide o traballo, que acusa a forza de seguridade de "non protexer as súas empregadas ou o público do abuso doméstico perpetrado por policías, nin dos abusos da súa posición con fins sexuais".

De feito, as mulleres na Policía da cidade "enfrontan rutineiramente sexismo e misoxinia". Ademais, durante a redacción do informe fíxose público o caso doutro axente que acabou sendo condenado por violacións e tortura a mulleres.

Ao respecto do racismo, subliña que os datos sobre uso da forza e detencións corroboran que se utilizan "desproporcionadamente contra as persoas negras e non contra as persoas brancas".

O comisario xefe da Policía de Londres, Mark Rowley, aceptou os resultados do informe mais criticou que se afirme que o racismo, misoxinia ou homofobia estean institucionalizadas, defendendo que son connotacións políticas.

Comentarios