180 persoas detidas en Francia nas protestas pola morte dun mozo a mans dun policía

A Fiscalía exixe a apertura dunha investigación e cre que o axente, para quen demanda de inmediato a prisión preventiva, incorreu nun delito de homicidio doloso, pois "non se cumpriron as condicións legais para o uso da arma". Macron convoca de urxencia o seu Goberno para abordar a "inxustificábel violencia" contra "comisarías, colexios, concellos e contra a República".
As protestas intensificáronse na madrugada pola traxedia de Nanterre. (Foto: Lionel Bonaventure / AFP / DPA)
photo_camera As protestas intensificáronse na madrugada pola traxedia de Nanterre. (Foto: Lionel Bonaventure / AFP / DPA)

O Goberno francés anunciou o despregamento de 40.000 policías e xendarmes para tratar de conter as protestas que xa acumulan un mínimo de 180 persoas detidas nas últimas horas  pola morte de Nahel M., un menor de orixe alxeriana a mans dun policía en Nanterre, un suburbio de París, após interceptarlle o vehículo. O tráxico acontecemento derivou en enfrontamentos coas forzas de seguridade que deixaron até o momento decenas de vehículos queimados e varias persoas feridas.

A Fiscalía francesa demandou xa a acusación formal do axente que perpetrou o disparo no peito ao mozo, entendendo que "non se cumpriron as condicións legais para o uso da arma", e pediu que se lle impute un delito de homicidio doloso. Tamén exixiu que sexa posto en prisión preventiva.

Do último balance de detencións informou na mañá desta quinta feira o ministro do Interior, Gérald Darmanin, que criticou con dureza as mobilizacións a través do seu perfil de Twitter: "Unha noite de violencia insoportábel contra os símbolos da República: concellos, colexios e comisarías incendiadas ou agredidas. 150 detencións. Apoio aos policías, xendarmes e bombeiros que se enfrontan con valentía. Vergoña dos que non chamaron á calma".

O presidente francés, Emmanuel Macron, trasladou que precisan "calma para que se faga xustiza", e afirmou que "nada xustifica a morte dun mozo", nunha situación que definiu como un drama "inexplicábel" e "inescusábel", defendendo que as forzas de seguridade "están comprometidas con protexelos". E tamén a primeira ministra, Elisabeth Borne, chamou á "calma" e afirmou que a intervención policial "non se axustaba ás normas de actuación".

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, convocou de urxencia o seu Goberno. (Foto: Alexis Sciard / Contacto vía Europa Press)
O presidente de Francia, Emmanuel Macron, convocou de urxencia o seu Goberno. (Foto: Alexis Sciard / Contacto vía Europa Press)

Macron insistiu esta mañá en condenar a "inxustificábel violencia" contra "comisarías, colexios, concellos e contra a República". "Grazas á policía, xendarmes, bombeiros e cargos electos mobilizados. Meditación, xustiza e calma deben guiar as próximas horas", dixo.

Esta quinta feira está xa convocada unha unidade de crise interministerial na sede de Interior, entendendo Macron que a situación deu un novo e "inxustificábel" paso após perpetrárense "ataques contra a as institucións". "As próximas horas deben conducir ao recollemento e respecto, e a marcha blanca [convocada en apoio ao mozo falecido a disparos da Policía] debe facerse baixo este signo", reiterou.

O fundador da esquerdista Francia Insubmisa, Jean-Luc Mélenchon, foi especialmente crítico co Goberno de Macron: "Os cans guardiáns ordénannos chamar á calma. Pedimos xustiza, retirar a acción legal contra o pobre Nahel e suspender o policía asasino e o seu cómplice que lle ordenou disparar".

Comentarios