"As vosas guerras, os nosos mortos": promoven un manifesto pola paz desde a Galiza

O texto pide que os estados español e portugués asuman unha "radical neutralidade, comprometéndose coa paz e a non intervención militar bélica".
Un tanque ruso entrando a Ucraína por Crimea, esta sexta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).
photo_camera Un tanque ruso entrando a Ucraína por Crimea, esta sexta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).

'Non á guerra. As vosas guerras, os nosos mortos', leva como título un manifesto lanzado a segunda feira desde a Galiza para exixir "o inmediato cesamento de calquera hostilidade e a recuperación do argumentario das ideas como única confrontación posíbel", da man do retorno das "vías de negociación diplomática" para resolver discrepancias e diferenzas.

Lanzado por persoas como Antón Mascato, Lola Varela, Dionisio Pereira, Cruz López ou Francisco Macías, o texto incide na indignación pola intervención militar rusa, e reclama a "restauración da paz e o desarmamento militarista de todos os Estados", facendo fincapé en que a comunidade internacional ten que actuar de mediadora por medio de institucións como a Organización das Nacións Unidas.

Aliás, insta a reducir os orzamentos en materia militar: "Os investimentos na militarización das nosas sociedades provocarán unha peor sanidade, educación, protección social, etc.".

Relacións de "multipolaridade"

Defendendo un mundo multipolar e o fin de calquera acción imperialista, o manifesto pide "salvagardar os dereitos e liberdades da cidadanía" e que os Estados español e portugués asuman unha "radical neutralidade, comprometéndose coa paz e a non intervención militar bélica".

"O amparo das xentes do común de calquera nacionalidade ou territorio —en especial a poboación ucraína, incluída a de Donetsk e Luganks—, pois son sempre as vítimas dos crimes de guerra, desta e de todas as guerras: as vidas de seres humanos, as súas vivendas, os seus recursos", engade.

O texto conclúe cun chamamento a "camiñar cara a un mundo no que as relacións sexan de multipolaridade, afastada de calquera pretensión de dominio unipolar, hoxe representado no bloque belicista liderado polos EUA-OTAN".

Comentarios