O 'pasaporte Covid' colle forma na Unión Europea

Xa son un total de 18 Estados na UE os que traballan nalgún tipo de certificado de vacinación, unha especie de 'pasaporte' que permitiría aos inoculados contra a Covid-19 atender a eventos públicos ou viaxar a outros países. Islandia xa o emite, e Dinamarca acaba de anunciar que o fará este mesmo mes. Outros chegarán no verán.
EuropaPress_3359158_handout_05_october_2020_peru_lima_airport_employees_in_protective_suits
photo_camera Control de viaxeiros no aeroporto Jorge Chávez de Lima, Perú (Foto: Andres Valle / dpa)

Dinamarca lanzará a finais deste mes un certificado de vacinación da Covid-19. Anunciouno o Goberno na noite da cuarta feira, e horas despois, na mañá de hoxe, Suecia comunicaba a mesma medida, aínda que no caso sueco non chegará até o verán. Os daneses serán os primeiros cidadáns da UE en contar con este pasaporte ou salvoconduto, que dará acceso a espectáculos, eventos culturais e deportivos e a viaxar a outros países ás persoas inoculadas contra a doenza que provoca o SARS-CoV-2.

O ministro de Economía de Dinamarca, Morten Bodskov, explicou que nunha primeira versión ─a que estará dispoñíbel a final de mes─ o 'pasaporte Covid' será un simple documento, mais que no período máximo de tres meses se convertirá nun certificado completamente dixitalizado. Deste modo, poderá ser usado co teléfono móbil para mostrar que xa se está vacinado. Outros detalles, como se a persoa deu positivo por anticorpos, poderían ser engadidos posteriormente, comentou.

"É absolutamente crucial reiniciarmos a sociedade danesa e as compañías retomaren a actividade", manifestou Bodskov en defensa desta nova ferramenta. O Goberno non deu detalles máis específicos de como vai funcionar, mais sinalou que será desenvolvido en colaboración cos negocios e coas organizacións culturais, e en cumprimento coas directrices da UE.

Cara ao verán

Suecia, pola súa banda, agarda ter desenvolvido o 'pasaporte Covid' para o verán. Con todo, o Goberno manifestou que agarda que para entón haxa un documento homologado a nivel internacional. Documento en que xa están a traballar a maioría dos Estados membros da UE. 

"Cando Suecia e os países da nosa contorna comecen a reabrir as sociedades, é moi probábel que os certificados de vacinación sexan requiridos para viaxar e para participar noutras actividades", sinalou onte en conferencia de prensa o ministro para a Dixitalización, Anders Ygeman.

Previamente, adiantara en Twitter a postura do Executivo sueco ao respecto cun comunicado á cidadanía: "Estamos a desenvolver nestes momentos a infraestrutura dixital para os pases de vacinación. Isto fará os certificados máis seguros, máis simples, e válidos internacionalmente. Vostede como individuo terá a posibilidade de obter un certificado dixital de vacinación, e outros certificados tamén estarán dispoñíbeis para a súa verificación dixital. A infraestrutura estará en marcha no verán".

A porcentaxe de mortes por habitante en Suecia a causa da Covid é tres veces maior que a de Dinamarca, e até 10 veces máis alta que en Noruega e Finlandia. Con todo, está lonxe dos datos rexistrados noutros Estados de Europa como España ou o Reino Unido.

Tras a estratexia inicial de non estabelecer nin confinamento nin restricións, Suecia foi adoptando nas últimas semanas medidas máis duras como a clausura dos centros educativos para os maiores de 13 anos, así como recomendacións de permanecer na casa se non é inevitábel.

Pioneiros en Europa

Foi Islandia, non obstante, o primeiro país de Europa e do mundo en comezar a emitir o 'pasaporte Covid'. Anunciouno o Ministerio de Saúde a pasada semana a través dun comunicado, onde sinalaba que "arredor de 4.500 persoas" recibiran a segunda dose da vacina contra a Covid-19, "polo que serán considerados completamente vacinados". Estas persoas, informan, poden solicitar o certificado de vacinación a través da web Heilsuvera (a páxina de información do Sergas islandés). 

"O obxectivo é facilitar ás persoas o movemento entre países, que os individuos poidan mostrar o certificado de vacinación durante os controis fronteirizos e que estean exentos das restricións fronteirizas", apunta o Goberno. Porén, todos eses documentos deben ser aínda recoñecidos internacionalmente. 

Islandia, que malia non ser un Estado membro da UE si fai parte do Espazo Schengen (a zona de libre circulación europea), pretende permitir a entrada aos cidadáns europeos que conten cun certificado similar.

Sen consenso na UE

Na UE, con todo, aínda é un tema sobre o que non hai unha posición común. O primeiro ministro de Grecia, Kyriakos Mitsotakis, propuxo o 13 de xaneiro á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a creación do 'pasaporte Covid'. Unha iniciativa para incentivar o turismo e a economía e que foi apoiada por outros Estados como España e Portugal. Von der Leyen viuna con bos ollos, mais a negativa de Alemaña e de Francia ─que consideran que aínda é prematuro─ deixouna polo momento na neveira.

Así foi que no Consello Europeo do 21 de xaneiro, a proposta grega foi desbotada por falta de consenso. Porén, segundo informou a Comisión na terza feira, son xa 18 o total de Estados membros que traballan no desenvolvemento dalgún tipo de certificado de vacinación contra a Covid-19, que incluiría códigos QR, sinaturas biométricas e aplicacións para o móbil.

O carné de inmunidade que non acabou callando

O pasado mes de abril, a OMS viuse obrigada a emitir un comunicando desaconsellando os 'pasaportes de inmunidade', unha idea barallada nos EUA, Alemaña, o Reino Unido, España ou Chile. O país suramericano foi o que máis perto estivo de instauralo, mais recuou tras as críticas recibidas. O obxectivo era que as persoas con anticorpos ─por ter pasado xa a Covid─ puidesen estar exentas de restricións e confinamento. 

Alén das cuestións éticas e legais, tamén as había ─hai─ médicas. "Neste punto da pandemia, non hai probas suficientes sobre a efectividade da inmunidade por anticorpos para garantir a precisión dun 'pasaporte de inmunidade'", dicía a OMS, argumentando que "a xente que asume que é inmune a unha segunda infección por ser positivo nos tests podería ignorar as recomendacións de saúde pública". A OMS oponse ─polo momento─ tamén ao certificado de vacinación.

Comentarios