A OMS conclúe que o coronavirus é de orixe animal e a Covid xurdiu en Wuhan

É "extremadamente improbábel" que saíse dun laboratorio, apuntan.
EuropaPress_2649311_dos_ciudadanos_pasan_entrada_mercado_mariscos_huanan_wuhan_provincia_hubei
photo_camera O coronavirus xa circulaba pola cidade fóra do mercado de Huanan (Foto: Xiong Qi / Xinhua)

O equipo de expertos da Organización Mundial da Saúde (OMS) destinado na China para investigar as orixes do SARS-CoV-2 concluíu que é de orixe animal, aínda que non se puido demostrar exactamente cal, e que "non hai evidencia" de transmisión antes da súa detección en decembro de 2019 en Wuhan.

O equipo chegou o 14 de xaneiro a esta cidade, considerada como epicentro da pandemia, e despois de dúas semanas de corentena visitou o mercado maiorista de mariscos de Huanan, onde se produciu o primeiro grupo de infeccións coñecido, e o Instituto de Viroloxía de Wuhan, onde se investiga con varios tipos de coronavirus.

Segundo as súas conclusións, presentadas esta terza feira ante os medios desde Wuhan, aínda non é posíbel determinar como se introduciu o virus da Covid-19 no mercado de Huanan, mais aseguraron que estaba xa a circular por outros puntos da cidade nesas datas. En calquera caso, os expertos rexeitaron que se estivese propagando pola localidade chinesa antes de finais de 2019.

"Estendeuse entre a xente que estaba, vivía, traballaba e visitaba o mercado de Huanan durante todo o mes de decembro. Aínda se descoñece como se introduciu e se propagou dentro do mercado [...] Sabemos que tamén houbo propagación entre os individuos que non estaban vinculados a este mercado. Así que o panorama non está claro nese sentido", explicou Peter Ben Embarek, especialista en Seguridade Alimentaria e Enfermidades Animais da OMS e presidente do equipo de investigación en Wuhan.

Varias hipóteses

O experto recoñeceu que a misión non trouxo conclusións disruptivas, mais puntualizou que se engadiran "detalles cruciais" a esta explicación. "Non atopamos probas de grandes surtos que se puidesen vincular antes do 19 de decembro en Wuhan ou noutros lugares. Tamén podemos estar de acordo en que atopamos unha circulación máis ampla do virus en Wuhan en decembro, non só limitada ao mercado de Huanan", estableceu.

A OMS baralla varias hipóteses, dixo: o salto directo dun animal a un humano; salto do morcego e a través de especies animais intermediarias, máis próximas aos humanos; ou por vía de produtos conxelados, hipótese que defende o Goberno da China para suxerir que o virus puido ser importado desde outras zonas do mundo.

O que si que desbota é que saíse dun laboratorio: "É extremadamente improbábel que explique a introdución do virus na poboación humana e, xa que logo, non é unha hipótese que implique futuros estudos para apoiar o noso traballo de comprensión da orixe do virus", detallou Embarek.

Comentarios