A Assembleia de Portugal xira á dereita: unha axustada vitoria sobre o PS dá o goberno á AD

O ultradereitista Chega, que cuadriplicou a súa representación con respecto a 2022 situándose como terceira forza, pide entrar no Goberno.

Luís Montenegro, da AD. (Foto:  Europa Press / Contacto / David Tiago, / Global Imagen)
photo_camera Luís Montenegro, da AD. (Foto: Europa Press / Contacto / David Tiago, / Global Imagen)

A falta do escrutinio dos votos emitidos nunha freguesía, a coalición Alianza Democrática (AD) gañaría as eleccións decorridas este domingo en Portugal, aínda que sen o respaldo suficiente para gobernar en solitario, polo que o partido de extrema dereita Chega xa se ofreceu a apoiar un Goberno de dereitas se finalmente a aritmética o permite.

O reconto dos votos emitidos en territorio portugués este domingo deixan un escenario aberto. Se ben é certo que AD conseguiu máis deputados que o Partido Socialista (PS), o futuro Goberno da Assembleia da República dependerá en última instancia dos catro escanos que se elixen co voto exterior, ao conseguir AD 79 deputados e o PS 77. Co 99,01% escrutado, os socialistas suman un 28,66% das papeletas, por volta do 29,49% que reúne a coalición AD; menos dun punto de diferenza.

Aínda que o PS se situá a décimas de AD en porcentaxe de votos —cuantitativamente a menos de mil sufraxios— e moi perto tamén en escanos, a suma da representación obtida polo Bloco de Esquerdas (BE) non alcanzaría para reeditar a geringonça, o acordo que levou António Costa a ser xefe de Goberno en 2015.

Tal e como sinalaban enquisas como a realizada a pé de urna pola Universidade Católica para a canle televisiva RTP, e tamén a elaborada por ICS/ISCTE-GfK/Metris difundida pola canle SIC e o diario Expresso, o Partido Socialista perdeu a maioría absoluta coa que gozou desde os comicios de xaneiro de 2022.

E é que a coalición liderada por Luís Montenegro, Aliança Demorática (AD) —que une os conservadores Partido Social Demócrata (PSD), CDS-Partido Popular e Partido Popular Monárquico— alzouse este domingo como gañadora dos comicios, situándose xa o propio PS en valoracións emitidas durante o escrutinio como líder "dunha oposición forte".

Resultados

 

Concretamente, cando falta unha freguesía por apurar, AD conseguiu 79escanos (29,54%), mentres que o PS de Pedro Nuno Santos ficou con 77 mandatos (28,67%) no Parlamento luso.

A formación de ultradereita Chega, liderada por André Ventura, experimentou un incremento considerábel desde as eleccións de 2022, alcanzando seu maior éxito electoral até a data, con 18,06% dos votos e 48 escanos.

A Iniciativa Liberal (IL) de Rui Rocha fíxose este domingo con 8 escanos e 5,08% dos votos emitidos; o Bloco de Esquerdas (BE), con Mariana Mortágua á fronte, ficou con 5 escanos e unha porcentaxe de votos de 4,45%; a CDU de Paulo Raimundo, con 4 mandatos e 3,30%; Livre, 4 representantes e 3,25%; e PAN, 1 escano e 1,92%.

As cifras de abstención máis baixas da década

A participación nos comicios decorridos este domingo en Portugal foi das máis altas das últimas convocatorias. De feito, os datos oficiais de votos emitidos ás 16 horas reflectían unha cifra de 51,96%, o que superaba xa o total de participación nas eleccións de 2019 e 2022.

A Secretaría Xeral do Ministerio de Administración Interna publicou o dato oficial, que contrasta co 38,59% de 2019 a esa mesma hora, e co 45,66% de 2022. As eleccións lexislativas adiantadas de 2024 superaron tamén o dato total de asistencia ás urnas de 2019 (48,57%) e de 2022 (51,42%).

A porcentaxe de abstención, en consecuencia, situouse no posto máis baixo da última década, con 33,76 %.

Comentarios