As consecuencias dunhas eleccións decisivas e as opcións para formar goberno en Portugal: e agora, que?

A AD de Luís Montenegro asume o mandato de formar goberno que tamén lle recoñece un PS que liderará a oposición. Unha abstención dos socialistas permitiría á formación de dereitas non depender do Chega.
Proxección dos resultados provisionais nas eleccións lexislativas de Portugal.
photo_camera Proxección dos resultados provisionais nas eleccións lexislativas de Portugal.

Cambio de rumbo radical en Portugal. A falta dun mes e medio para a conmemoración, precisamente, do 50º aniversario da Revolução dos Cravos que puxo fin a décadas de ditadura e abriu paso á democracia de forma pacífica, un partido de extrema dereita é, polo menos sobre o plano teórico e cos resultados na man, o gran beneficiado das eleccións lexislativas deste domingo —a falta de que se asignen catro actas—. O Chega de André Ventura sobe máis de 10 puntos en só dous anos e triplica a súa representación na Assembleia lusa, pasando de 12 a 48 escanos que o afianzan como terceira forza.

Os de Ventura foron quen máis se beneficiaron do derrube do gobernante Partido Socialista, que en 2022 logrou unha maioría absoluta que o desgaste do gabinete de António Costa, cercado nos últimos tempos por supostos escándalos de corrupción que aceleraron a convocatoria electoral, que nestes últimos comicios se esfumou por completo. Os socialistas pasan de 120 a 77 deputados e deputadas (-43) e deixan polo camiño case 13 puntos porcentuais.

 

Unha caída, porén, que a esquerda non conseguiu capitalizar, pois o Bloco de Esquerda de Mariana Mortágua apenas mellorou unhas décimas os resultados das anteriores eleccións e mantivo as cinco actas que xa tiña, mentres a histórica coalición CDU, conformada polo Partido Comunista Português e Os Verdes, perde un punto e dous asentos na Cámara lexislativa. O PCP colleita o peor resultado da súa historia nunhas lexislativas.

Si medra, e obtén os seus mellores resultados, o Livre de Rui Tavares, o representante en Portugal do Partido Verde Europeo, que sobe máis de dous puntos e pasa de unha a catro actas. Tamén experimenta un leve ascenso o partido Pessoas-Animais-Natureza (PAN), que mantén unha representante.

Pola súa parte, a Iniciativa Liberal medra pero tamén menos do esperado debido á repunta do Chega, subindo dúas décimas que non lle permiten aumentar a súa forza na Assembleia, onde continuará con oito escanos. E a Aliança Democrática, o vencedor da noite, gaña por mor da debacle do PS, pois apenas mellora os seus resultados anteriores.

De feito, a coalición que reúne o PSD, o CDS-PP e o PPM caeu nestes comicios máis dun punto en comparanza cos resultados conxuntos de PSD e CDS-PP en 2022, cando concorreran por separado. Si aumenta, porén, en dúas representantes a súa forza na Cámara, facendo un total de 79 —segundo os resultados provisionais—, dúas máis que o PS.

O PSD xa se ve no goberno, e así o celebrou o seu secretario xeral, Hugo Soares: "Os resultados proxectan un dos peores resultados históricos da esquerda e unha vitoria de AD". Porén, a axustada repartición de escanos deixa agora grandes incógnitas a respecto da gobernabilidade do país, que ficará en mans dun Chega que quere entrar no próximo Executivo de Luís Montenegro.

"AD pediu unha maioría e os portugueses dixéronlle que esa maioría é a de AD e Chega. Sería irresponsábel que non houbese unha unión. Nós somos responsábeis [...] Todos estamos chamados a esa alternativa", dixo André Ventura este domingo, para quen a noite foi "histórica" e deixou tras de si "a fin do bipartidismo en Portugal".

Os 79 escanos de AD e os 48 do Chega xa permitirían nestes momentos un goberno da dereita coa ultradereita; unha opción, porén, que o propio líder de AD rexeitou en reiteradas ocasións durante a campaña. Para formar unha alternativa precisaría do apoio de Iniciativa Liberal, cuxo líder, Rui Rocha, avanzou que facilitará "unha situación de goberno estábel" sempre que o Chega non forme parte do gabinete.

Mais Montenegro tamén precisaría neste caso a abstención do PS, que asume que permanecerá na oposición a vindeira lexislatura, tal e como admitiu este domingo o seu candidato, Pedro Nuno Santos. "Seremos oposición, renovaremos o partido e intentaremos recuperar os portugueses descontentos co PS [...] Non obstaculizaremos unha solución gobernamental", afirmou.

Comentarios