Portugal aproba por cuarta vez a regularización da eutanasia

Depende do presidente sancionar a norma, que xa vetou ou enviou ao Tribunal Constitucional tres veces con anterioridade. Polo de agora non está claro que posición adoptará nesta situación cando reciba a norma en dúas semanas.
Marcelo Rebelo de Sousa, presidente de Portugal (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Marcelo Rebelo de Sousa, presidente de Portugal (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

A Assembleia da República de Portugal aprobou a sexta feira por cuarta vez a legalización da eutanasia e da morte asistida medicamente no país co apoio de boa parte dos escanos que integran a maioría absoluta do Partido Socialista do primeiro ministro António Costa e os votos a favor do Bloco de Esquerda, Iniciativa Liberal, o Partido das Pessoas, dos Animais e da Natureza e seis deputados do Partido Social Democrata.

Pola contra, o resto de deputados da formación conservadora e o Chega rexeitaron a proposta tras demandar que se efectúe un referendo, e cuestionaron que non se lles entregou a proposta con tempo suficiente para analizala, ademais de criticar que "as alteracións foron substanciais e non se limitaron a acomodar as recomendacións da sentenza". Á vez, tamén votou en contra o Partido Comunista Português e cinco deputados socialistas, coa abstención doutro membro do grupo maioritario.

Esta última revisión da norma prodúcese despois de ser rexeitada a anterior versión por parte do Tribunal Constitucional pola “indefinición intolerábel” do concepto de sufrimento que desenvolvía, nunha axustada votación, e que constituíu o segundo rexeitamento do Tribunal á proposta do lexislativo tras ser remitida aos maxistrados polo presidente da República, o católico practicante Marcelo Rebelo de Sousa, que noutra ocasión negouse directamente a sancionar o texto aprobado pola Assembleia.

Aínda non está claro nesta ocasión se Rebelo de Sousa aprobará, vetará ou enviará unha vez máis a norma ao Constitucional.

A lei emanada do parlamento difire das anteriores propostas en que só permite que se practique a eutanasia cando o “suicidio medicamente asistido sexa imposíbel por incapacidade física do enfermo”, e abandónanse as referencias ao sufrimento físico, psicolóxico e espiritual.

Asemade, defínese un prazo de dous meses desde o inicio do procedemento até a morte medicamente asistida, en paralelo a un acompañamento psicolóxico obrigatorio. Só se pode aplicar a norma no caso de persoas maiores de idade, cun “sufrimento de grande intensidade” resultado dunha “lesión definitiva de gravidade extrema” ou “doenza grave e incurábel”.

Pendentes do presidente

Despois da decisión do lexislativo, a lei pasa á Comisión de Asuntos Constitucionais para desenvolver a redacción final, o último paso antes de que sexa enviada ao presidente de Portugal nun prazo previsto de dúas semanas.

Comentarios