O Parlamento portugués fai historia co "sim" á despenalización da eutanasia

O proxecto do Partido Socialista para despenalizar a eutanasia conseguiu unha maioría de apoios con 127 votos a favor. Tamén resultaron aprobadas as outras catro propostas presentadas no Parlamento a prol do dereito á eutanasia. 
Cinco partidos presentan proxectos para despenalizar a eutanasia (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Parlamento de Portugal (Imaxe: Europa Press)

O "sim" á despenalización da eutanasia gañou esta quinta feira, 20 de febreiro, no Parlamento de Portugal. O proxecto do Partido Socialista (PS) contou co apoio maioritario da Cámara con 127 votos favorabeis, 10 abstencións e 86 votos en contra. Con menor apoio tamén resultaron aprobados os outros catro proxectos presentados, os impulsados polo Bloco de Esquerda (BE), con 124 votos; o de Pessoas-Amnimais-Natureza (PAN), con 121; mentres que o do Partido Ecologista Os Verdes (PEV) e o da Iniciativa Liberal (IL) obtiveron 114 votos cada un.  

Aínda que se prevía unha maioría favorábel ao dereito á morte medicamente asistida, houbo que agardar ao remate da votación para ter certeza do resultado, pois o conservador Partido Social Demócrata (PSD) dera liberdade de voto e polas súas siglas subiron deputadas ao estrado a defenderen tanto o "sim" como o "não". Isto escenificou un abano de diferenzas no seu seo.

"Não se elimina o sofrimento com a eutanásia", dixo a voceira do PSD Cláudia Bento, sinalando que os coidados paliativos "já dão todas as respostas ao nível da qualidade de vida". 

Mentres, a súa compañeira de filas, Sofia Matos, defendeu a eutanasia reclamando o dereito "a poder escolher". 

Ao igual que no PSD tamén no Partido Socialista houbo representantes que votaron en contra e que se abstiveron. 
O dereitista Centro Democrático e Social (CDS-PP) e a ultradereita de Chega votaron en contra. A bancada comunista do PCP tamén votou en contra, sinalando que a eutanasia  é "uma opção do Estado, não dos indivíduos". 

Témese agora que o presidente da Republica, o conservador Rebelo de Sousa, ordene ao Parlamento "reconfirmar" a votación. Tamén hai en marcha a solicitude popular para realizar un referendo contra a eutanasia.     

Comentarios